Site icon Crónica3.com A Mariña

Teatro para nenos e para adultos o domingo e o luns en Ribadeo

RIBADEO (FNC) .-. O teatro será o protagonista nesta ponte festiva en Ribadeo. Haberá dúas representacións, unha para os nenos e outra para os adultos, o domingo e o luns respectivamente.

A concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, sinala que “dentro da axenda cultural deste outono que xa iniciamos a pasada semana con teatro, continuamos esta fin de semana con dúas citas moi importantes. Unha para os máis pequenos e outra para os adultos. A que está dirixida aos pícaros é este domingo 11 de outubro ás cinco e media da tarde no Auditorio Municipal Hernán Naval. Contamos coa compañía Sapristi que vai poñer en escena a obra Vai tormenta e é unha boa ocasión para que os pícaros e as súas familias se acheguen a un clásico como Shakespeare. Decir que está recomendada para nenos a partires de nove anos, pero que a calidade do espectáculo, o vestiario… merecen a pena para todo o público familiar”.

A edil nacionalista explica que “logo continuamos o luns 12 de outubro, cunha mostra do teatro afeccionado que se fai na Mariña. O grupo A Adala de Foz representará A derradeira batalla do Marqués de Sargadelos. Está patrocinada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo e que teremos ocasión de ver a partires das 20:30 horas e con entrada gratuíta”.

Mariluz Álvarez Lastra convida “a toda a xente a que se achegue a disfrutar destas dúas citas teatrais que temos nesta ponte en Ribadeo”.

A axenda cultural de outono de Ribadeo traerá á vila nas vindeiras semanas a Teatro do Noroeste, Teatro de Ningures, Manolo Panforreteiro ou Caramuxo, entre outros. Haberá tamén exposicións e música.

Exit mobile version