Sanidade amosa a súa preocupación polo colapso dos servizos médicos do Instituto Social da Mariña dependentes do Ministerio de Traballo e Inmigración
NOTA DE PRENSA
A XUNTA TRAMITARÁ UNHA QUEIXA FORMAL DIANTE DO GOBERNO CENTRAL POLAS DEMORAS NOS RECOÑECEMENTOS MÉDICOS AOS MARIÑEIROS
· Os atrasos tanto na citación para os recoñecementos, como respecto da realización das distintas probas e analíticas –que implican dispoñer de varios días- impiden o embarco dos mariñeiros coa conseguinte perda de soldo.
· A solución a esta problemática –explica Balseiro Orol- depende só da vontade e decisión do Goberno socialista de Zapatero, que por unha vez ten que pensar na nosa comarca e nos mariñeiros aos que está a causar tantos prexuízos.
A Mariña lucense, 23 de outubro de 2009.- O deputado do Partido Popular, Jose Manuel Balseiro Orol interesouse no día de hoxe no Parlamento galego pola problemática que están a sufrir os mariñeiros da nosa comarca afectados polo colapso dos servizos médico-preventivos do Instituto Social da Mariña tanto na localidade de Celeiro coma en Burela, servizo que depende do Ministerio de Traballo e Inmigración
AS MARIÑEIROS NON PODEN EMBARCAR
Os mariñeiros que solicitan a súa cita para poder efectuar o correspondente recoñecemento médico –obrigatorio para todos eles, e que debe superarse con carácter previo ao embarque- están a observar como a data definitiva da cita co médico se posterga en ocasións ata tres meses ou, en todo caso, a necesidade de someterse a distintas probas (analítica, recoñecemento físico, recollida dos resultados,…) obriga a moitos deles a permanecer en terra durante varios días, coa correspondente perda do embarque e, polo tanto, coa imposibilidade de desenvolver a súa actividade laboral retribuída.
A directora de Asistencia Sanitaria da Xunta, Nieves Domínguez, respondeu a Balseiro que desde a administración autonómica reclamarán ao Goberno central que acometa dun xeito urxente as medidas de reforzo dos servizos médicos do ISM, co alcance necesario e dun xeito permanente no tempo. Todo iso para evitar que a solución destas deficiencias sexa temporal, como ata o de agora.
CONTINÚAN AS QUEIXAS DOS MARIÑEIROS
Nesta liña o voceiro de pesca do PPdeG sinalou que as medidas adoptadas para corrixir este colapso por parte da administración central foron moi puntuais e acompañadas de moita propaganda pero, como as queixas dos usuarios e incluso das propias Confrarías de Pescadores certifican, a problemática non está corrixida, persiste e incluso está a agravarse no tempo.
FALTA DE VONTADE DO EXECUTIVO CENTRAL
Balseiro insistiu en que evitar esta situación depende única e exclusivamente da vontade e da decisión do Goberno socialista de Zapatero, que por unha vez, ten que pensar na nosa comarca e nos mariñeiros aos que se lles está a causar tantos prexúizos. “Non só contan para subilos os impostos, espero vaian decatándose no PSOE”
GASTOS INXENTES PARA A NOVA SEDE E NON NO SERVIZO
Finalmente o deputado popular cuestionou que o Executivo central gaste inxentes cantidades de diñeiro en remodelar as instalacións da sede do ISM en Lugo, que están a máis de cen quilómetros, mentres que non inviste os cartos necesarios para evitar o colapso dos servizos médicos que deben efectuar os recoñecementos dos mariñeiros.