Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo e Rinlo recibirán 1,2 millóns de euros para rehabilitar 80 vivendas e facer obra pública

RIBADEO (FNC) .- Os cascos tradicionais de Ribadeo e Rinlo recibirán 1.200.000 euros para a rehabilitación de 80 vivendas e tamén de obra pública, segundo ven de anunciar o alcalde.

Fernando Suárez manifesta que “debemos mencionar hoxe dúas boas noticias para o concello de Ribadeo e singularmente para os cascos tradicionais de Ribadeo e de Rinlo. Si ben o casco histórico de Ribadeo xa leva anos recibindo axudas tanto do Ministerio de Vivenda, como da Xunta e do Concello, agora hai que sumar a oitava e a novena fases de rehabilitación no casco tradicional da vila e por primeira vez haberá actuacións en Rinlo, en concreto serán a primeira e a segunda fases destes traballos que serán executados nos anos 2009 e 2010”

En total serán 80 as vivendas as que poden entrar nestas bolsas de rehabilitación, 50 delas en Ribadeo e 30 en Rinlo. Goberno estatal e Xunta destinan 500.000 euros a Ribadeo para este fin e 300.000 euros a Rinlo. O rexedor sinala que “ademais deste diñeiro co que o Ministerio de Vivenda e a Xunta sufragarán parte do custe deses traballos tamén hai unha achega pública na que entra o Concello para a rehabilitación de obra pública, rúas, etc… neste caso Ribadeo recibirá 250.000 euros e Rinlo 150.000 euros”.

Este acordo foi adoptado por unanimidade na última xunta de goberno local. Suárez Barcia asegura que “agora estamos pendentes da sinatura do correspondente convenio entre o ministerio, a área de vivenda da Xunta e o Concello de Ribadeo. Nós seguimos na intención de recuperar o casco vello de Ribadeo no que xa levamos anos traballando, pero tamén grazas a que a Xunta de Galicia aprobou no mandato pasado unha área de rehabilitación integral para o núcleo de Rinlo, o seu casco histórico tamén contará con axudas nos vindeiros meses”.

Exit mobile version