Segundo o sindicato acordárase que non habería despedimentos de traballadores e o día 13 de outubro despediuse ao cociñeiro, alegando que este servizo estaba sen funcionar mentres durase o ERE, pero o acordo fora que o comedor volvería abrirse en canto se volvese a unha situación de normalidade.
Nota de Prensa
Por medio da presente, as membros do Comité polo sindicato CIG, logo das asembleas celebradas, e recollendo o sentir das traballadoras e traballadores de “Fábrica de Cerámica de Sargadelos, S.L.”, , manifestan o total e absoluto malestar coa Dirección da Empresa, motivado polo reiterado incumprimento por parte da mesma dos acordos asinados no seu día, e que entre outras cousas, contemplaban o seguinte:
1º) Coa presentación do E.R.E.. por parte da Empresa e a aceptación por parte dos traballadores/as evitábase chegar a despido algún.
2º) Os traballadores/as de Sargadelos aceptaban a suspensión do servizo de comedor namentres durara o E.R.E., coa condición de que este retornaría á situación anterior.
Pois ben, o día 13 de Outubro, en pleno E.R.E., despídese a un traballador, concretamente ó cociñeiro da Empresa, o cal vulnera o anteriormente exposto no punto 1, este empregado foi afectado polo E.R.E. Tamén deciden, de forma unilateral e saltándose á toreira os acordos ós que chegaron no seu día, suprimir o servizo do comedor antes da finalización do actual E.R.E.. O restablecemento do servizo xa non se levará a termo nas mesmas condicións que se estaban a prestar antes do E.R.E., pois, co cociñeiro despedido, e supostamente amortizado o seu posto de traballo, a Dirección da Empresa substitúe o servizo contratando cunha empresa de catering.
Por todo elo as/os traballadoras/es de Sargadelos non podemos estar de acordo cunha Dirección que non está a respectar os acordos aos que se chegou cos seus traballadores/as e/ou representantes dos mesmos, e que para asombro de todos, xa se atreve a non respectar o acordado por escrito e asinado entre traballadores e Empresa, non só os acadados de palabra.
Mal precedente para negociar outro E.R.E. !!