CERVO .- O Concello de Cervo recepcionou as obras do saneamento en O Castro, na parroquia de Castelo, que supuxeron un investimento de 55.591 euros. Consistiron na construción do tramo principal da rede de saneamento e do punto de depuración, onde se tratarán as augas residuais desta parroquia, cunha capacidade depurativa de 30 metros cúbicos ao día.
Nota de Prensa
O CONCELLO RECEPCIONA AS OBRAS DO SANEAMENTO DE CASTELO
* Os traballos consistiron na colocación do tramo principal da rede e a construción dun punto de depuración das augas residuais para a parroquia
* O seu orzamento foi de 55.591 euros
* O Concello continuará traballando para conseguir inversións que posibiliten o saneamento integral desta e de tódalas parroquias do municipio
Cervo, 22 de outubro de 2009.- O Concello de Cervo recepcionou hoxe oficialmente as obras do saneamento en O Castro, na parroquia de Castelo. Así o confirmou o alcalde Alfonso Villares, quen salientou a importancia desta actuación “porque a pesares de que quedan soterradas á vista da xente, son máis necesarias que outras moitas”.
As obras supuxeron un investimento de 55.591 euros e correron a cargo da empresa Construcciones y Canalizaciones José Saa. Consistiron na construción do tramo principal da rede de saneamento e do punto de depuración onde se tratarán as augas residuais desta parroquia. O punto de depuración está situado á beira do “Rego de Castelo”, foi proxectado para dar servizo a todos os seus veciños e posúe unha capacidade depurativa de 30 metros cúbicos ao día.
O alcalde cervense sinalou que un dos principais obxectivos do grupo de Goberno local é continuar con este tipo de obras en tódalas parroquias do municipio “porque penso que é de xustiza ir saldando as débedas que temos coa zona rural en canto a infraestruturas e servizos”. Villares comprometeuse a conseguir financiamento para que “nun futuro próximo” o municipio poida contar con rede de saneamento en todos os seus núcleos de poboación. “Non vamos a escatimar esforzos para tentar de conseguir un saneamento integral de todo o noso concello” afirmou.
Esta nova infraestrutura ven a sumarse a outras coma o saneamento integral de San Ciprián e Cervo, que se están a acometer actualmente e que se enmarcan dentro do programa de mellora dos servizos básicos do concello levado adiante polo actual equipo de Goberno municipal.