No resto do mundo mundial, os días nacionais son días normais. Na maioría de países o día nacional é o día da independencia, como na India, en Colombia, en Samoa Occidental ou en Liechtenstein. Mesmo a Sante Sede (Estado Vaticano) celebra a súa festa nacional o 11 de febreiro para conmemorar a secesión de Italia, aínda que alá entre canonizacións e canonizacións tampouco creo que noten a diferenza, porque na Santa Sé cada día é unha festa. Seica o mesmo opinaba o señor Costa que sucedía no PP e mira COMO ACABOU. En Irlanda, que son máis cachondos, celebran o día de San Patricio cunhas borracheiras de coidado subvencionadas por unha coñecida marca de cervexa. En Xapón ou nos Países Baixos, coincide co aniversario do Emperador ou da Raíña, de maneira que cando morren os monarcas hai que volver editar todos os calendarios. Os países escandinavos son tan perfectos que fan coincidir a festa nacional co día da Constitución.
No estado de España xa saben vostedes que a Festa Nacional coincide co día en que don Cristóbal Colón encontrou América e desencadeou o exterminio dos maias e os incas, o tráfico de escravos, a rapina do ouro e a prata, e os desastres posteriores como a bachata, os sombreiros mexicanos, Luis Miguel, Playa Bávaro, Ronald Reagan. Din que don Colón ao seu regreso a Barcelona comentou no Saló del Tinell diante de Isabel e Fernando: Lieina de carallo.
O que lles quero dicir é que de todos os días do calendario, o máis lamentable é precisamente ese infausto 12 de outubro, en que un grupo de gañáns iniciou un xenocidio inmisericorde.
Se non hai máis remedio que celebrar un día nacional, en vez do 12 de outubro que só xera unha vergoña colectiva, propoño algunhas alternativas, seguindo unha mixturada proposta:
O 19 de marzo. O 19 de marzo de 1812 as Cortes de Cádiz promulgaron a Pepa, unha constitución bastante avanzada para o seu tempo, un dos últimos intentos de converter o país nun proxecto serio. Máis tarde, o “Viva a Pepa” sería sinónimo de xolda, alegría e liberdade. Podemos aproveitar o bicentenario para facer o cambiazo.
O 14 de abril. Como saben vostedes, o 14 de abril de 1931 proclamouse a II República e aínda que agora está de moda dicir que aquilo foi un desastre, supuxo a última oportunidade de converter este país é un país serio e moderno. Ademais o Himno de Rego é bastante máis bailable que a actual marcha.
O 26 de abril. O 26 de abril de 1936 os avións nazis aliados coas tropas do alzamento iniciaron o bombardeo sistemático da cidade vasca de Guernica. Recordar o 26 de abril sería unha forma de manter o recordo da barbarie e reforzar o noso compromiso coa paz.
Vostedes amigos lectores, poden seguir poñendo datas alternativas a o asunto, opinar, aquí e de balde.