Site icon Crónica3.com A Mariña

Queremos Galego de Cervo repartiu información no mercado de San Cibrao

CERVO .- Voluntarios da Plataforma Queremos Galego de Cervo aproveitaron a celebración do mercado de San Cibrao para dar a coñecer o seu proxecto e convidar a participar na manifestación que en defensa do galego se celebrará en Compostela o 18 de outubro.

Nota de Prensa

“Queremos Galego” reparte propaganda no mercado de San Cibrao para animar a participar na mobilización do 18 en Compostela

Voluntarios da sección cervense da “Plataforma Queremos Galego” aproveitaron a celebración do mercado de San Cibrao para repartir propaganda da manifestación que en defensa do galego se celebrará en Compostela o  18 de Outubro.

Os membros da “Plataforma Queremos Galego” animaron os asistentes ao mercado de San Cibrao a participar da mobilización do 18 de Novembro e lembraron que haberá un autobús gratuíto que sairá de San Cibrao domingo 18 ás 8.30 diante da Casa do Mar de San Cibrao.  Desde a Plataforma “Queremos Galego” lembraron que aquelas persoas que queiran acudir a manifestación poden anotarse chamando ao Tlf:982140654 en horario de 11:00 a 13:00 e de 18:30 a 20:30 de Luns a Venres ou ao 678788150

Os membros de Queremos Galego fixeron fincapé “na difícil situación que está a vivir a lingua neste momento concreto. A ese estado de saúde de por si preocupante, como reflicten todos os estudos elaborados ate o momento, únese un elemento non menos grave como son as medidas regresivas que no ámbito da lingua ou da cultura está a aplicar o actual goberno da Xunta desde os primeiros días da lexislatura con propostas que fan retroceder a protección do noso idioma a momentos pre-autonómicos.”

Desde Queremos Galego chamouse “a traballar activamente na defensa do noso idioma, como elemento central da nosa existencia colectiva”, “un activismo que contraste co desleixo do actual goberno galego que conculca coa súa actitude elementos esenciais do noso estatuto de autonomía”. Instamos ao noso pobo a moverse a favor de aquilo que nos une e identifica, que nos sitúa as galegas e os galegos no mundo no mesmo nivel que as outras culturas do planeta, aquilo que nos fai universais: a nosa lingua”.

Por último os colectivos que conforman a Plataforma “Queremos Galego”  en Cervo insistiron na importancia da mobilización do día 18 de outubro e animaron ao conxunto de entidades sociais e persoas a título particular de Cervo a adherise á mesma a través do correo electrónico queremosgalego@queremosgalego.org. ou da web www.queremosgalego.org

Exit mobile version