SANTIAGO .- O presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana, e membros da cooperativa de Armadores de Burela Sociedad Anónima (ABSA) e da Confraría de pescadores, mantiveron hoxe unha reunión en Santiago de Compostela, na que se valoraron diversos asuntos relacionados coas instalacións portuarias de Burela.
Alvarez-Campana comprometeuse hoxe a incluír nos presupostos de Portos e Galicia, cara ao ano 2010, unha partida destinada á renovación doutro vial de acceso ao porto de Burela do tramo comprendido entre a zona do Berbés e a cooperativa de ABSA. Así mesmo, comprometeuse tamén, a petición do sector, a facer un estudo de aproveitamento integral da lámina de auga consistente no ordenamento de fondeos e pantaláns, entre outros aspectos, que mellorarán a seguridade e operatividade dos barcos que ocupan a devandita dársena.
Por outra banda, anunciou tamén que antes de fin de ano se porá en marcha un sistema de seguridade do porto a base de cámaras de vídeo vixiancia durante as 24 horas do día. Tamén suliñou a intención de Portos de Galicia, dunha rebaixa de cara ao ano que ven na tarifa por pesca fresca X-4 para aumentar así a competitividade do porto de Burela.
Os membros asistentes á reunión desta mañá mostráronse satisfeitos polo esforzo e compromiso de Portos de Galicia coas inversións realizadas cara o porto de Burela. Finalmente, o presidente de Portos, aceptou a invitación de armadores e confraría para visitar o porto de Burela antes de que remate este ano.