SANTIAGO .- O organismo Portos de Galicia manifestou a súa vontade para que a provincia de Lugo poida contar cunha autoridade portuaria propia, e sinalou que non será obstáculo para que isto ocorra, malia que lembra que a administración competente para dotar desta infraestrutura á provincia é o goberno do estado.
Nota de Prensa
Dende o ente público dependente da Consellería do Mar traballase na idea dunha xestión coordinada dos portos da Mariña lucense para captar novos tráficos e sumar oportunidades
PORTOS DE GALICIA MANIFESTA A SÚA VONTADE PARA QUE LUGO CONTE CUNHA AUTORIDADE PORTUARIA PROPIA
* O ente público portuario galego lembra que dotar a esta provincia desta entidade é competencia do goberno central
* Portos de Galicia estuda como avanzar na coordinación dos tráficos dos distintos portos da nosa comunidade, mellorar no seu rendemento e evitar que estes poidan facerse a competencia entre si
Santiago, 15 de outubro de 2009.- Portos de Galicia, organismo dependente da Consellería do Mar manifestou a súa vontade para que a provincia de Lugo poida contar cunha autoridade portuaria propia, e sinalou que non será obstáculo para que isto ocorra, malia que lembra que a administración competente para dotar desta infraestrutura á provincia é o Goberno central.
En todo caso, o ente público portuario galego apuntou que este paso enmárcase no proxecto global de determinación dun único órgano de agrupación dos portos galegos, sexan estes de competencia autonómica ou estatal, se ben esta entidade non substituirá ou eliminará as autoridades portuarias e a súa xestión.
Neste senso, responsables de Portos de Galicia subliñaron que esta proposta sería levada a cabo ao xeito da estrutura de Puertos del Estado, pero facendo fincapé na coordinación de todos os tráficos dos portos galegos. A idea é que, por unha banda, se poidan captar empresas interesadas en empregar as dársenas da nosa comunidade para transportar as súas mercadorías e servizos así como mellorar o seu rendemento e, pola outra, evitar que poidan facerse mutua competencia os portos galegos entre si, o que prexudicaría dun modo evidente os intereses estratéxicos de Galicia.
Portos de Galicia adiantou que a idea que manexan os responsables da administración autonómica é a de impulsar a creación dunha Autoridade Portuaria da Mariña lucense que integre, non só o dársena comercial de San Ciprián –explotada en réxime de concesión administrativa exclusiva pola multinacional do aluminio Alcoa – senón tamén os portos de competencia autonómica, os pesqueiros de Burela e Celeiro e o comercial de Ribadeo.
Deste xeito desde o novo ente xestor mariñán poderíase desenvolver unha función de coordinación dos distintos tráficos e especialización de cada unha das dársenas, así como un mellor proveito das sinerxias e oportunidades segundo as características particulares de cada porto, así como promover a apertura ao tráfico comercial xeral do dique norte de Morás, outra das históricas peticións dos veciños da costa lucense.
O responsable de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez–Campana, subliña a súa intención de clarexar a postura do ente público portuario galego manifestada na súa comparecencia o pasado venres día 9 na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia e que, segundo dixo, “vai na liña de apoiar e dar saída aos esforzos realizados para facer realidade esta reivindicación histórica, de xeito especial defendida polos colectivos sociais, políticos, sindicais e empresariais da Mariña lucense”.