Nota de Prensa
PARALIZACIÓN POLIGONO INDUSTRIAL
* O Polígono industrial é unha necesidade urxente do Valadouro e Alfoz, na que as consellarías do BNG estiveron traballando os 4 anos pasados e non vamos a consentir que se pare.
* O intento de paralización do Polígono por parte de PP de Alfoz non obedece aos intereses dos veciños de Alfoz senón a que Feijoo non quere facer esta obra, e necesitan inventar unha desculpa.
* O mesmo proxecto ao que agora presenta alegacións o PP de Alfoz, xa fora presentado en Maio do 2008, sen que o PP de Alfoz fixera ningunha alegación. Se no 2008 o señor Alcalde de Alfoz considerou que o proxecto do Polígono estaba ben, por que agora quere que se tire con todo e volver a empezar?.
* As alegacións do concello de Alfoz están fundamentadas en que ao non ter normas urbanísticas en Alfoz saen prexudicados. Por que, se ese é o problema real, en vez de paralizar o Polígono non se dedican a facer as normas urbanísticas?.
* Tirar con todo o feito e volver a empezar, como pide o concello de Alfoz, suporía como mínimo un retraso de mais de 4 anos.
Para o BNG de Alfoz e o Valadouro o polígono industrial é unha necesidade urxente do Val, sen a cal dificilmente teremos futuro, e estaremos condenados a ver como a nosa xuventude emigra. Logo de anos de goberno do PP na Xunta de Galiza, nos que nada se fixo por dotar de solo industrial ao Valadouro, condenándonos ao atraso económico, a chegada dos nacionalistas Teresa Táboas e Fernando Blanco ás consellarías de Vivenda e Solo e Industria fixo que se lanzara o proxecto do Polígono Industrial para Alfoz e O Valadouro. Sen dubida esta foi a actuación máis importante que fixo o BNG dende a Xunta para O Valadouro e da que máis orgullosos estamos. Desgraciadamente o cambio na Xunta, coa volta do PP, parece que vai traer consigo a paralización do polígono industrial, baixo a desculpa dunha “protesta” por parte do concello de Alfoz. Se lamentable é que se paralice un proxecto tan importante para O Valadouro, máis triste é que esta paralización se leve a cabo coa colaboración dos alcaldes de Alfoz e O Valadouro, que no canto de defender os seus veciños se dedican a seguir as ordes de Feijoo.
Gustaríanos facer unha cronoloxía da tramitación do Polígono:
* 4-Agosto-2005 Teresa Táboas toma posesión da Consellaría de Vivenda e Solo. Fernando Blanco é nomeado conselleiro de Industria.
* Elaboración dun plan viabilidade e situación do Polígono industrial do Valadouro e Alfoz pola Consellaría de Vivenda.
* Elaboración dun estudo arqueolóxico por Vivenda.
* 05/04/2006 .- Presentase o estudio arqueolóxico do Polígono industrial, o que obriga a modificar o plan de viabilidade e situación do Polígono por encontrarse túmulos. Nese plan xa se fala dunha execución por fases.
* 20-Outubro-2006 .- Teresa Táboas, nunha reunión con alcaldes, grupos políticos e empresarios, presenta o plan de viabilidade e situación do Polígono industrial e o compromiso da Consellaría na súa construción. Cómpre dicir que esa presentación tivo lugar na Finca Galea, no Concello de Alfoz.
* 14-Abril-2007 A CONSELLARÍA DE VIVENDA E SOLO CONVOCA UN CONCURSO DE IDEAS PARA O DESEÑO DO PARQUE EMPRESARIAL DE VALADOURO-ALFOZ POR IMPORTE DE 98.412 €.O gañador farase cargo da redacción do Plan de Sectorización e do Proxecto de Urbanización da 1ª fase deste parque, con 118.000 metros cadrados, así como a Dirección Facultativa e Coordinación de Seguridade e Saúde. O Concello de Alfoz non di nada, polo que debemos pensar que estaba de acordo.
* 20-Xuño-2007.A CONSELLARÍA DE VIVENDA E SOLO ADXUDICA A REDACCIÓN DO PLAN DE SECTORIZACIÓN E PROXECTO DE URBANIZACIÓN DA 1ª FASE DO PARQUE EMPRESARIAL DE VALADOURO-ALFOZ POR 98.412 €. O PP de Alfoz non di nada, polo que debemos pensar que estaba de acordo.
* 11 Marzo 2008.- A CONSELLARÍA DE VIVENDA E SOLO ENVÍA AO CONCELLO DO VALADOURO O PLAN DE SECTORIZACIÓN DA 1ª FASEDO PARQUE EMPRESARIAL DE VALADOURO-ALFOZ
* O concello de o Valadouro aproba o Plan de Sectorización e proxecto de servizos exteriores do parque empresarial Valadouro-Alfoz (fase 1).
* 2 de maio de 2008 Publicase no DOG do ( http://www.xunta.es/Dog/Dog2008.nsf/FichaContenido/1D682?OpenDocument). O Concello de Alfoz non di nada, polo que debemos pensar que estaba de acordo.
* A Consellaría de Medio Ambiente alega que se debe presentar un “informe de sustentabilidade ambiental “.
* A Consellaría de Vivenda e Solo elabora un informe de sustentabilidade ambiental.
* O 27 de marzo de 2009, o concello volve aprobar o Plan de sectorización e proxecto de servizos exteriores do parque empresarial Valadouro-Alfoz (fase 1)., engadíndolle informe de sustentabilidade ambiental.
* 20 Abril 2009.- Feijoo toma posesión da Presidencia da Xunta.
* O 4 de maio do 2009 publícase no DOG (http://www.xunta.es/Dog/Dog2009.nsf/FichaContenido/1CC6A?OpenDocument) a aprobación por parte do concello do Valadouro.
* O 30 de maio do 2009 a Xunta de Goberno do concello de Alfoz solicita a paralización do Polígono e que se volva empezar de cero.
Se o plan de sectorización presentado en 2008 é o mesmo que o presentado no 2009, por que o PP de Alfoz non presenta alegacións no 2008 e si o fai no 2009? Se o PP de Alfoz quería un polígono supramunicipal como di nas alegacións, por que non o dixo antes, e esperou a que pasaran catro anos e se gastaran cartos en proxectos? ¿Por que, en resumo, o que ao alcalde de Alfoz lle valía no 2006, 2007 e 2008 non lle vale no 2009? O que cambiou entre o 2008 e o 2009 non é o proxecto de polígono, que segue sendo o mesmo (é que o mesmo que no 2006), o que cambiou é quen goberna na Xunta. Como o señor Feijoo non quere facer o polígono no Valadouro, invéntanse unha desculpa.
Se estudamos as alegacións coas que o PP de Alfoz pretende paralizar o polígono de Alfoz-Valadouro vemos que se basean en:
* Que un plan de sectorización como o que se aproba no concello do Valadouro non podía ser aprobado no concello de Alfoz por carecer de normas urbanísticas.
* Que dado que en Alfoz non existen normas urbanísticas, a edificabilidade, cargas, etc… seria distinta que no Valadouro.
Como se ve para os problemas que presenta o concello de Alfoz existen dúas solucións: paralizar o polígono industrial ou que o concello de Alfoz elabore unhas normas urbanísticas. Realmente non é mellor para os veciños de Alfoz que o señor alcalde se dedique a elaborar unhas normas urbanísticas que non a paralizar o polígono?
Como se ve as alegacións son tan ridículas que a única explicación é que a Xunta non quere facer o Polígono e o PP de Alfoz estalles dando unha coartada. Dende o BNG de Alfoz e o Valadouro animamos a todos os veciños a pelexar para que a Xunta cambie de postura e siga co proxecto de Polígono que lanzou o BNG cando estaba no goberno da Xunta. En que este proxecto se execute vainos o futuro dos dous concellos.