Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o PP son poucos os colectivos que integran a Plataforma Sanitaria da Mariña

NOTA DE PRENSA
Os populares lamentan a instrumentalización política que PSOE e BNG pretenden facer da Plataforma Sanitaria e reclaman a socialistas e nacionalistas que depoñan a súa estratexia de mentiras e confusión
O PP SUBLIÑA QUE MENOS DO 10% DOS COLECTIVOS DA MARIÑA INTEGRAN A PLATAFORMA SANITARIA IMPULSADA POLAS FORZAS DO BIPARTITO

* CONFIANZA: A inmensa maioría dos veciños e asociacións da Mariña confían nas palabras do titular do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que confirmou o mantemento da área sanitaria comarcal, así como o reforzo do cadro de persoal do Hospital da Costa, da súa capacidade tecnolóxica e a ampliación do número de especialidades médicas que alí se prestan.

* USO INDEBIDO DE MATERIAL INSTITUCIONAL: O PP non descarta preguntar no Parlamento polo uso indebido de material do SERGAS e o máis que probable emprego de cartos públicos sen autorización para a convocatoria da xuntanza de constitución da plataforma sanitaria.

A Mariña, 9 de outubro de 2009.- Os populares da Mariña lamentan a instrumentalización política que PSOE e BNG pretenden facer da recentemente constituída Plataforma pola Defensa da Área Norte Sanitaria e reclaman ás forzas do malogrado bipartito que depoñan a súa estratexia de confusión e engano aos veciños nun asunto tan serio como é a sanidade . Desde o PP están convencidos de que esta plataforma nace “sen ningún sentido e obxectivo” xa que, como é público e notorio, tanto o Presidente da Xunta de Galicia como a propia conselleira de Sanidade confirmaron que non só se manterá a área sanitaria da Mariña senón que ademais se reforzará o cadro de persoal, capacidade tecnolóxica e dotará de novas consultas de especialistas ao Hospital da Costa.

No Partido Popular salientan que menos do 10% dos colectivos e asociacións da nosa comarca integran a plataforma sanitaria impulsada por PSOE e BNG o que vén a demostrar a confianza que para estes colectivos e para os propios veciños da Mariña teñen as palabras e compromisos expresados por Alberto Núñez Feijóo, titular do Executivo galego. Tan só 30 das preto de 300 asociacións da Mariña lucense sumaron o seu apoio a unha plataforma que nace para reivindicar algo que non se está a poñer en cuestión desde a Xunta de Galicia. “Estamos a falar dunha representación moi baixa dentro do tecido asociativo comarcal, un porcentaxe similar ao acadado polo BNG nas pasadas eleccións e que converten a esta forza política nun formación minoritaria e residual”.

En todo caso, desde o PP anuncian que redobraran o seu esforzo para explicar a estes 30 colectivos integrados na Plataforma Sanitaria a aposta dos novos responsables autonómicos pola mellora do sistema público de saúde na Mariña despois do deterioro sufrido na pasada lexislatura, como consecuencia da falta de xestión do bipartito. E lembran que a propia Conselleira comparecerá no Parlamento o próximo mércores, en resposta a unha interpelación do Grupo Popular, para reafirmar o seu compromiso co mantemento da área sanitaria da Mariña.

POSIBLE USO INDEBIDO DE MATERIAL E CARTOS PÚBLICOS

Finalmente desde o Partido Popular non descartan preguntar na Cámara galega polos graves sucesos acontecidos no Hospital da Costa despois de que se detectara o envío de cartas co membrete oficial do SERGAS e con acuse de recibo a un gran número de asociacións da Mariña convocándoas ao acto de constitución desta plataforma sanitaria.

O Hospital da Costa xa anunciou a apertura dunha investigación interna sobre estes feitos, para esclarecer as posibles responsabilidades daqueles que, sen autorización, puideron facer un uso indebido de material e cartos públicos. “O que o BNG pretende presentar como unha afrenta aos traballadores do Hospital, non é máis que unha probable utilización de recursos públicos con intereses partidistas, para facer política e oposición ao PP”.

Exit mobile version