Site icon Crónica3.com A Mariña

Os escolares de Cervo ven “coas mans” as obras de Francisco Escudero

CERVO .- O artista galego Francisco Escudero mantivo hoxe un encontro no Centro Cultural e de Servizos á Cidadanía cos escolares do colexio de Cervo para amosarlles as obras que ten expostas na sala de exposicións deste edificio.

No encontro o pintor e escultor, ademais de explicarlles de forma lúdica e sinxela as técnicas e materiais que emprega para facer as súas obras, convidounos tamén a “ver coas mans” as súas esculturas “para que se acostumen a experimentar a sensación táctil que todo corpo sólido produce”.

Baixo o título La piel de la piedra Francisco Escudero presenta dende o pasado mes de xullo no centro expositivo de Cervo unha serie de pezas baseadas no estudo do corpo que caracterizaba a antiga escultura grega. De feito gran parte das obras son representacións de torsos, de costas masculinas e femininas elaboradas en mármore de Markina (San Sebastian) e pulidas dun xeito exquisito polo autor.

A concelleira de Cultura, Chelo Gallego, tamén asistiu a esta experiencia e valorou moi positivamente este xeito de achegar o arte aos máis cativos. O Concello de Cervo ven organizando periodicamente encontros deste tipo entre artistas e escolares ao longo dos últimos anos.

Exit mobile version