Site icon Crónica3.com A Mariña

Observatorio da Mariña pola Igualdade, Uned e Radiofoz organizan o vídeo-forum “Mulleres no mundo”

Imaxe dunha recente charla coloquio ganizada polo Observatorio

FOZ.- O Observatorio da Mariña pola Igualdade en colaboración coa aula universitaria da UNED e Radiofoz, organiza o vídeo-forum “Mulleres no mundo”. Tratase dunha iniciativa para “achegarlle mediante o cinema á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais afastados e distantes”.

NOTA DE PRENSA

Ábrese o prazo de inscrición para o vídeo-forum “MULLERES NO MUNDO”, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade en colaboración coa aula universitaria da UNED e Radiofoz

Nas sesións, que se desenvolverán na UNED durante cinco venres pola tarde a partir do día 30, visionaranse cinco filmes estranxeiros para invitar a reflexionar desde unha perspectiva de xénero sobre realidades sociais e culturais diferentes á galega

“MULLERES NO MUNDO” é o título da nova actividade que organiza o Observatorio da Mariña pola Igualdade, en colaboración coa aula universitaria da UNED e con Radiofoz, para achegarlle mediante o cinema á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais afastados e distantes.

O vídeo-forum “MULLERES NO MUNDO” desenvolverase nas aulas da UNED de Foz durante cinco venres consecutivos, a partir do día 30 de outubro, en horario de 19 a 21 horas. O prazo de inscrición está xa aberto, e na actividade poden anotarse todas as persoas que o desexen, aínda que para as alumnas e alumnos da UNED estanse a tramitar créditos de libre configuración. Quen desexe inscribirse na actividade, totalmente gratuíta, debe pórse en contacto coa UNED de Foz, ben escribindo un correo electrónico a foz@lugo.uned.es, chamando por teléfono ao 982133699 ou acudindo presencialmente ás aulas da universidade en Foz (sitas na rúa Castelao, s/n).

As sesións de “MULLERES NO MUNDO” estarán guiadas por membras do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme,  para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día:

? 30 de outubro: Mooladé (Protección). Dirección de Ousmane Sembene, Senegal.
? 6 de novembro: Kandahar. Dirección de Mohsen Makhmalbaf, Afganistán.
? 13 de novembro: Grbavica. El secreto de Esma. Dirección de Jasmila Zbanic, Serbia.
? 20 de novembro: El círculo. Dirección de Jafar Panahi, Irán.
? 27 de novembro: Caramel. Dirección de Nadine Lebaki, Líbano.

A continuación, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora sexa condutora das reflexións do grupo.

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas de Senegal, Afganistán, Serbia, Irán e Líbano. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

Exit mobile version