Nota de Prensa
O BNG afirma que estas declaracións certifican que A Mariña volve a depender de Lugo
O Xerente de Atención Primaria de Lugo confirma a creación dunha única xerencia para Lugo, A Mariña e Monforte
O Bloque Nacionalista Galego vai demandar no Parlamento de Galiza que a Consellaría de Sanidade clarifique as declaracións do xerente de atención primaria de Lugo que nalgúns medios escritos afirmaba que a creación dunha xerencia única significaba a creación dun xerente único para as tres areas sanitarias que actualmente existen Lugo.
Concretamente o Sr. José Benito Pardo afirmaba o 18 de Outubro no xornal “El Progreso” que a creación da xerencia única implica “Habrá un gerente único, que no significa la supresión de ningún área. Es decir, el hospital de Burela va seguir siendo el hospital de Burela y el Hospital de Monforte, el de Monforte. Lo que pasa es que la estrutura de gestión dependerá de una única persona.”. Uns días antes, nunha xuntanza explicativa do novo modelo de xestión celebrada no Hospital da Costa, o propio xerente da área de xestión integrada de Ferrol, a única que funciona en Galiza, ia máis alá ao afirmar graficamente que o novo modelo é moi sinxelo “ se me falta un médico no Hospital de referencia, cubro a súa baixa sacando outro dun Hospital máis pequeno”.
Ambas as dúas declaracións fan boas as nosas peores sospeitas, posto que deixan claro que a Consellaría de Sanidade sen cambiar o continente pretende cambiar o contido, isto é manter o nome das áreas sanitarias pero baleirándoas de funcións. O BNG volve a reiterar que non vai entrar no xogo do PP que pretende agochar o desmantelamento da sanidade pública na Mariña e a conversión do Hospital da Costa nun centro de saúde grande, baixo unha sorte de lea nominal, posto que o de menos é o nome e o importante son os servizos. A día de hoxe parece claro que en Burela vai perder especialidades asistenciais, que facultativos de Burela van ter que cubrir baixas noutros centros de Lugo e que ademais se vai perder emprego no Hospital da Costa.
Volvendo ás declaracións do xerente de atención primaria de Lugo non nos cabe dúbida algunha, posto que así o afirma el de xeito literal, que a xestión do Hospital da Costa e do de Monforte vai depender do xerente de Lugo. Dito isto cabe preguntarse se pode coincidir nunha mesma persoa a xerencia da unidade de xestión coa xerencia dalgunha das tres áreas posto que isto significaría que unha persoa sería xuíz e parte o que se deduce das declaracións do Sr. Pardo cando homologa as funcións deste as funcións que antigamente facía o director provincial. Na mesma liña sería bo que se aclarase onde acaban as funcións dos xerentes de área e onde empezan as funcións dos xerentes da unidade de xestión; ou será que os xerentes das unidades de xestión pasar a ser os equivalentes aos que fai referencia o Art.5º da Orde do 15 de xuño de 2009 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, cuxas funcións se homologan a dos xerentes de área. Nesa dirección debe aclararnos o PP e a Consellaría de Sanidade se as declaracións do Sr. Pardo ou do xerente de Ferrol teñen o aval da propia Conselleira, posto que o que esta calaba, graficamente e cunha claridade que é de agradecer nola resolven estes señores.
O Bloque Nacionalista Galego, á vista dos feitos, non ten dúbidas de que o PP sigue adiante coa súa folla de rota e que fica claro a perda de competencias da area da Mariña para planificar e definir a súa política sanitaria. Tamén temos claro que o papel do xerente de Burela fica reducido nas súas funcións a hora de contratar persoal, de autorizar gastos, de impedir que os facultativos se teñan que desprazar por toda a provincia para cubrir vacantes, de manexar o orzamento… As nosas dúbidas xa foron contestadas no que ten haber coa perda de servizos asistenciais na Mariña e coa conseguinte perda de emprego, quédanos por aclarar as consecuencias que vai provocar na Mariña a apertura do novo hospital de Lugo.