Hai só unhas xeracións, a medida que as persoas envellecían facíano coa idea de que a madurez persoal estaba moi relacionada co desarrollo nas habilidades na “arte da conversación”. Era unha época dun ritmo de vida diferente; unha era na que ó acabar o traballo diario, as persoas sentábanse e falaban; cando a tradición oral estaba vivo e o relato de vellas historias non desaparecera do día a día. Eran tamén tempos nos que a vida e as relacións xiraban en torno a conexións dos uns cos outros, sinxelas e cheas de significado.
De certo que estas prácticas simples son moi antigas; poucas parecen estar tan unidas ó corazón das comunidades humanas como as de falar e contar vellas historias. Non se coñece cultura algunha que non practique a conversa sentados en círculo; parece ser unha das pouquísimas prácticas verdadeiramente universais da humanidade.
Para os gregos, o dia-logos era a pedra angular da práctica cidadana e inseparable do autogoberno. A polis, onde se reunían para gobernar, a raiz da política actual, non era mais que un lugar que designaba e facilitaba o espacio conversacional para un autogoberno auténtico. A capacidade de conversar, de dialogar, constituiu o fundamento da democracia, moito mais importante que as votacións.
O noso modus vivendi aumentou o risco de quedar aillados dos demais: as consultas de psicólogos psiquiatras están cheas de persoas que acuden a elas en busca de alguén que as escoite . Según os expertos en relacións humanas, a soedade serú un dos problemas sociais mais acuciantes no vindeiro milenio nos países mais desenvolvidos. Por eso é tan necesario mellorar a nosa comunicación en xeral, reivindicar o placer da conversa e aumentar o interese por confrontar cos demais as nosas vivencias, iniciativas, proxectos opinións e sentimentos.
Nunha das nosas camiñadas habituais, hai un tempo topámonos de súpeto nunha paraxe do entorno portuario de Foz cunhas figuras pétreas que queren representar unha escena das conversas entre vellos mariñeiros, tan tradicionais na beiramar dos nosos pobos. Confesamos que a sorpresa foi grande e tamén grata, porque sen pararnos en consideracións de tipo técnico ou estético, etc. o grupo escultórico, realizado sobre silente pedra, resultounos simpático. Unha estampa tamén para a nostalxia, gracias á que nos sentimos unidos a detalles insignificantes, porque éstes nos lembran instantes que non volverán: posto que o tempo é irreversible o pasado como tal produce nostalxia. O tecnicismo reinante desexaría convencernos de que ésta non serve para nada; é posible, pero forma parte da humanidade das persoas
Escultura tan inesperada, da que non coñecemos nen o seu artífice, trasládanos ó mundo máxico da mais ancestral cultura popular: o das lendas que tantas obras sorprendentes atribuen ós mouros.