Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE advirte que o PP busca “escusas para xustificar que proxectan piscifactorías en Rede Natura”

Nota de Prensa

Marisol Soneira afirma que o proxecto da piscifactoría de Rinlo incluído no Plan de Acuicultura do Goberno socialista está “a case 500 metros do mar e fóra da Rede Natura”

A deputada socialista critica a “manipulación” que fai o PP “buscando escusas para xustificar que proxectan piscifactorías en Rede Natura” algo que “non se contemplaba no Plan de Acuicultura do Goberno socialista”

Soneira reclama aos conselleiros de Medio Ambiente e do Mar que “deixen de escudarse no que fixo o Goberno anterior” e asuman que o proxecto da piscifactoría de Rinlo do PP era unha “aberración ambiental”

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2009.- A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario Socialista, Marisol Soneira, esixiu aos conselleiros de Medio Ambiente, Agustín Hernández e Mar, Rosa Quintana que “deixen de mentir e de escudarse no que fixo o Goberno anterior” e que asuman que “tanto o proxecto do PP para a piscifactoría de Rinlo como o de Cabo Touriñán, non respectan a Rede Natura” algo que non acontecía no Plan de Acuicultura do Goberno socialista.

Soneira criticou que “estamos asistindo a unha manipulación constante da información por parte do PP” e referiuse ás afirmacións de Agustín Hernández sobre que “o proxecto de Cabo Touriñán non ten nada que ver co de Rinlo porque son dous sitios diferentes”. Soneira puntualiza que “efectivamente, son sitios diferentes porque un está no concello de Ribadeo e outro no de Muxía, pero dende o punto de vista ambiental contan coa mesma protección”, algo que “o conselleiro de Medio Ambiente debería saber”.

A deputada socialista explicou que o proxecto que o PP tiña previsto para Muxía-Cabo Touriñán está en zona de Rede Natura 2000 e no LIC Costa da Morte, ao igual que o proxecto que o PP tiña para Ribadeo-Rinlo-Foxo Longo, estaba en zona clasificada como Rede Natura e dentro do LIC de As Catedrais.

Así mesmo lembrou que a conselleira do Mar, ao ser preguntada pola sentenza de Rinlo, afirmou que “o proceso fora iniciado no ano 2006, no Goberno socialista” pero “esqueceu sinalar que esta piscifactoría foi proxectada no Plan Acuícola feito polo PP, con López Veiga como conselleiro”, puntualizou Soneira.

A deputada socialista tamén explicou que “mentres no Plan de Acuicultura do PP o proxecto da piscifactoría de Rinlo estaba pegado á costa, en Rede Natura e no LIC de As Catedrais, no Plan feito polo Goberno socialista a piscifactoría proxectase no lugar de Foxo Longo, tamén en Rinlo, pero a case 500 metros do mar e xa fóra da Rede Natura e do LIC”.

“Precisamente fixemos ese cambio para evitar o que agora ven a confirmar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que o proxecto do Plan de Acuicultura do PP era unha aberración ambiental”, afirmou Soneira.

A deputada socialista reclamou aos conselleiros de Medio Ambiente e do Mar que “deixen de botar balóns fóra e de escudarse no que fixo o Goberno anterior” e “asuman as súas responsabilidades”, xa que no caso da piscifactoría de Rinlo “non só dan escusas senón que utilizan medias verdades”.

Exit mobile version