NOTA DE PRENSA
O PP DE CERVO CREE QUE A ACTITUDE DA DIPUTACIÓN NA AMPLIACIÓN DO MUSEO DO MAR É CÍNICA E HIPÓCRITA
* A pasividade amosada polos responsables da área de Cultura da Deputación neste tema pode desembocar na construción nesa zona dun edificio que, de levarse adiante, imposibilitaría a ampliación do museo
* Os nacionalistas e socialistas reivindicaban a ampliación do museo cando estaban na oposición e agora, despois de dous anos e medio á fronte da Deputación, esixen paciencia esgrimindo uns argumentos ambiguos e indefinidos.
Cervo, 14 de outubro de 2009.- O Partido Popular de Cervo quere saír ao paso das acusacións vertidas polo Bloque Nacionalista Galego a raíz da nosa petición de ampliación do Museo Provincial do Mar.
O PP de Cervo lémbralle aos nacionalistas que esta reivindicación non é en absoluto unha petición “oportunista”, tal e coma eles a cualifican, se non que se trata dunha petición tendente a atallar o problema de falta de espacio que ten esta institución e que na nosa opinión estáse a prolongar no tempo debido á irresponsabilidade de socialistas e nacionalistas.
Neste senso temos que recordarlles aos señores do BNG que os propietarios da finca contigua ao museo solicitaron en xuño do ano pasado a redacción dun estudio de detalle da mazá onde se atopa a súa propiedade para construír no seu solar un edificio de vivendas. Tamén queremos lembrar que xa daquela o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, advertira da necesidade de que socialistas e nacionalistas asumiran o compromiso adquirido polo anterior goberno provincial e se comprometeran firmemente a adquirir ou financiar a compra deste solar, único posible para a ampliación do museo.
Este longo silencio dos socialistas e nacionalistas á fronte da Deputación pode desembocar na construción nesa parcela dun edificio que, de levarse adiante, imposibilitaría a ampliación do museo; e tamén afectaría paisaxísticamente a unha zona tan significativa coma é a do paseo marítimo e a praia do Torno. Por iso non entendemos que agora se nos tilde de oportunistas, cando a realidade demostra que non é así.
Resúltanos canto menos curiosa a actitude actual do BNG neste asunto, xa que cando estaba na oposición eran eles os que non se cansaban de reivindicar a ampliación do museo. Sen embargo, agora, despois de dous anos e medio á fronte da área de Cultura da Deputación, esixen paciencia esgrimindo uns argumentos cínicos e hipócritas tan ambiguos coma indefinidos e que non clarexan o que están a facer para solucionar o problema de espacio do museo.
Este malestar e preocupación non é un capricho do PP de Cervo, se non que responde a unha inquietude de moitos veciños que ven como as súas doazóns de fondos ao museo teñen que estar arrumbadas en caixas no soto do edificio.
Dende o Partido Popular de Cervo non queremos pensar mal; pero parece coma si os responsables na Deputación quixeran dilatar ao máximo no tempo o seu compromiso de compra dos terreos para provocar así que o Concello se vexa obrigado a conceder a licencia de obra na parcela contigua para botarllo despois en cara ao Goberno municipal.