Nota de Prensa
Os populares amosan a súa sorpresa polo ton crítico do PSOE fronte ás contas da Xunta mentres que garda silenzo ante a mínima cantidade de diñeiro que o Goberno socialista da Zapatero prevé investir na nosa comarca
O PP RECOMENDA AOS SOCIALISTAS QUE FAGAN UN CURSO DE REFORZO EN MATEMÁTICAS TRAS CUALIFICAR DE GOLPE PARA A MARIÑA UNS ORZAMENTOS QUE INCREMENTAN O INVESTIMENTO DA XUNTA UN 34,17% RESPECTO AO 2009, ÚLTIMAS CONTAS ELABORADAS POLO BIPARTITO
* O Goberno de Feijoo eleva de 14,9 a 20 millóns de euros o investimento autonómico para obras ou servizos determinados nesta comarca. “Está claro, polo tanto, cal é o compromiso dunha e doutra formación política coa Mariña”
* Nas obras de reforma do Hospital o PP consigna un 50.97% máis ca o PSOE; e no relativo ao corredor, os populares emprazan ao PSOE a que como mínimo adquira o compromiso de investir unha cantidade similar á que achegará a Xunta, esto é, 40 millóns de euros
A Mariña, 26 de outubro de 2009.- O Partido Popular de Lugo recomendou, en palabras do seu presidente Jose Manuel Barreiro aos dirixentes socialistas e, máis en concreto, ao seu número un Manuel Vázquez -que visitou no día de hoxe a localidade de Ribadeo- que realicen un curso avanzado de reforzo en matemáticas. A devandita recomendación xorde despois de que o secretario xeral dos socialistas galegos cualificase de “golpe para A Mariña” a incidencia dos orzamentos da Xunta na nosa comarca para o ano próximo, todo iso pese a que incrementan o investimento real en máis dun 34,17% respecto ao 2009.
O Goberno de Feijóo achega para actuacións, obras e servizos concretos nos distintos concellos da Mariña máis de 20 millóns de euros, unha cifra moi superior aos 14,9 que consignou o Goberno de socialistas e nacionalistas nas últimas contas que deseñaron, as do 2009. Estas cantidades son ademais “totalmente contrastables” pois son resultado da suma exacta das distintas partidas que dun xeito específico aparecen nos orzamentos da Xunta, dentro do capítulo de investimentos reais. As achegas do novo Goberno de Feijoo superarían os 44 millóns de euros, unha cifra moi superior á dos socialistas, se temos en conta o resto das partidas xenéricas territorializadas. “Está claro, polo tanto, cal é o compromiso dunha e outra formación política coa Mariña”
SILENZO SOCIALISTA.- Barreiro amosou tamén a súa sorpresa polo ton excesivamente crítico dos socialistas fronte ao orzamentos da Xunta e, pola contra, o salientable silencio que esta formación política protagoniza con respecto ás contas elaboradas polo Goberno central, “que xa non é que esquezan á Mariña, senón que nin tan sequera existe para o Goberno de Zapatero, dada a irrisoria cantidade de recursos que destinará para esta comarca”
EXEMPLOS CONCRETOS: HOSPITAL E CORREDOR.- Continuando na liña de comparar a actitude dos Gobernos populares cos socialistas o co anterior bipartito, o PP argumenta a súa postura con varios exemplos. Así, a partida para acometer as reformas do hospital, segundo as previsións do plan director, pasa de 681.006 euros, no 2009 co bipartito, a máis dun millón de euros consignados para esta actuación polo PP. Isto é un 50.97% máis con tan só un ano de diferencia.
Con respecto ó corredor, os populares lucenses emprazan aos socialistas a comprometerse públicamente a, como mínimo, garantir o mesmo nivel de investimento nesta infraestrutura que a Xunta de Galicia adquiriu con respecto aos tramos lucenses.
“O PSOE deberá ter a valentía de garantir, de ser posible na voz do seu dirixente Manuel Vázquez, que o Goberno de Zapatero rectificará na súa postura e en vez investir os irrisorios 10.000 euros que tiñan previstos para o tramo estatal do corredor achegar 40 millóns de euros, tal como comprometeu a Xunta, se sumamos aos 5,8 millóns de euros para obras e expropiacións que aparecen consignados nas contas autonómicas do 2010, os 32,3 aos que ascende a adxudicación do primeiro treito lucense do corredor, que a Xunta autorizou o pasado mes de xuño, tras catro anos de sequía e indiferencia por parte da Consellería de Política Territorial que o PSOE xestionaba”, engadiu Barreiro.