Site icon Crónica3.com A Mariña

O pouco peso do PSOE de A Mariña explica o esquecemento da comarca nos orzamentos do Estado, asegura o PP

Nota de Prensa

A senadora María del Carmen Gueimunde e o secretario xeral dos populares lucenses Jose Manuel Balseiro convencidos de que o negativo das contas estatais para o ano próximo ten a súa explicación no mínimo peso e capacidade de influencia dos socialistas mariñaos
A INDISCRIMINADA SUBA DE IMPOSTOS, A NON EXECUCIÓN DAS PARTIDAS ORZAMENTARIAS DO 2009 E A CAÍDA DOS INVESTIMENTOS NO 2010 EVIDENCIAN A ESQUECEMENTO DA MARIÑA NOS ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO

* Datos preocupantes:

* Zapatero reduce en preto de 20 millóns de euros as achegas para rematar a Transcantábrica pese a que as dificultades técnicas e a lenta execución fan necesario un maior gasto para poder rematala.

* O treito estatal do corredor (San Ciprián-Barreiros) reduce de 50 mil a uns “raquíticos” 10 mil euros a previsión de investimento para o ano próximo, algo que non chega nin para proseguir a tramitación administrativa desta obra.

* Apiques de rematar o ano, gran parte dos compromisos orzamentarios non se executaron. Así por exemplo ZP non empregou un só euro da partida de control para a regresión da costa.

A Mariña, 05 de outubro de 2009.- A senadora María del Carmen Gueimunde xunto co secretario xeral dos populares lucenses, Jose Manuel Balseiro compareceron en rolda de prensa, celebrada na tarde de hoxe, para facer unha valoración das previsións orzamentarias incluídas nas contas que o Executivo socialista da Zapatero elaborou para o ano próximo.

A indiscriminada suba de impostos -que afecta dun xeito directo ás rendas medias, maioritarias na nosa comarca-, a non execución de gran parte das partidas orzamentarias do 2009, e a caída dos investimentos no 2010 poñen de relevo o esquecemento da Mariña nos orzamentos xerais do Estado. Así polo menos o interpretan ambos dirixentes populares que amosan a súa preocupación despois de que o Executivo central reduza en preto dun 30% as súas achegas para obras e servizos concretos na nosa comarca. Zapatero recorta  os orzamentos na Mariña dos 71,3 millóns de euros que recibíamos no 2009 a tan só 51,5 millóns de euros para 2010.

FONDA  PREOCUPACIÓN

Despois dunha análise  máis polo miúdo dos orzamentos xerais do Estado aumenta a preocupación no Partido Popular. Esta claro que co PSOE a Mariña non recibe o suficiente, nin tan sequera o comprometido. Co recorte dos investimentos e co aumento dos impostos o único que se conseguirá é retardar a saída da recesión, pero tamén están a poñerse en perigo a materialización de proxectos clave para o desenvolvemento da nosa bisbarra como son o corredor da Costa ou a finalización dos treitos da Autovía do Cantábrico.

20 MILLÓNS MENOS PARA A TRANSCANTÁBRICA

Centrándose nestas dúas actuacións Balseiro Orol explicou que o Executivo socialista de Zapatero reduce en preto de 20 millóns de euros as achegas para rematar a Transcantábrica, todo iso pese a que as dificultades técnicas e a lenta execución das obras fan necesario un maior gasto para poder rematalas no prazo temporal establecido. “Falaba no seu día o propio Touriño e o PSOE en Galicia de que a A-8 estaría lista completamente no 2009 pero, ano tras ano,  tiveron que ir afastando este horizonte temporal,  alonxando no tempo a súa finalización”. Sorprende no PP que gran parte da redución orzmentaria se concentre no tramo Mondoñedo – Lindín pese a ser este o que maior dificultade de  execución das obras está a supoñer, de feito Fomento xa adiantou que será necesario non so melloras técnicas na execución dos traballos de construción da autovía ao seu paso por estas localidades senón incluso modificar dun xeito substancial o seu trazado.

Situación similar acontece co treito estatal do corredor (San Ciprián-Barreiros). O Ministerio do lucense Jose Blanco ve reducidos de 50 mil a uns “raquíticos” 10 mil euros a previsión de investimento para o ano próximo, algo que, como destacan desde o PP, non chega nin para proseguir a tramitación administrativa desta obra tan importante para a vertebración dos concellos litorais da Mariña. “Nin son capaces de resolver as alegacións dirixidas por concellos e colectivos ao futuro trazado do corredor, nin agora achegan un investimento realista para que poidamos ver en obras algo deste nova vía”

PXE 2009: MERO PAPEL MOLLADO

Con todo, a maior preocupación nace da falta de execución dos compromisos orzamentarios adquiridos polo Goberno central no 2009. Maria del Carmen Gueimunde exemplificou esta cuestión cun dato: a 31 de agosto do ano pasado, o Executivo  socialista  non tiña ningunha obriga recoñecida e polo tanto,  nada executado dos máis de 2,6 millóns de euros que o Estado estimaba destinar ao control da regresión da costa na Mariña lucense. “Parece evidente que gran parte das actuacións que deberan levarse  a cabo durante o 2009 están aínda sen iniciarse polo que, tendo en conta que quedan menos de tres meses para que remate o ano, xa non se levaran adiante como estaba comprometido”

Gueimunde subliñou outro dato moi curioso: ano tras ano, as contas estais repiten as mesmas partidas orzamentarias, as mesmas cantidades de investimento. Situación que se explica precisamente en que ao non ser executadas pola administración socialista se ven na obriga de incluílas unha e outra vez pero sen vontade de  facelas realidade. O PSOE converte, en consecuencia, os orzamentos xerais do Estado en simple papel mollado sen ningún tipo de valor, nin compromiso de execución crible e razoable.

O PSOE INCAPAZ DE  DEFENDER OS INTERESES DA MARIÑA

Tanto Mariña Gueimunde como Jose Manuel Balseiro están convencidos de que o negativo das contas estatais para o ano próximo ten a súa explicación no mínimo peso e capacidade de influencia dos socialistas mariñaos aos que acusan de ser incapaces de defender os intereses dos veciños das nosa comarca. “Incluso teñen o descaro de  defender con  tibieza estas contas”.

Ante a renuncia dos socialistas de traballar desde o Goberno central  a prol da nosa comarca PP proporá unha batería de emendas a través das que pretenden aumentar o grado de compromiso e, polo tanto, o diñeiro que terá que investirse desde os distintos ministerios e organismos autónomos dependentes da Administración do Estado na Mariña, así como reclamarán a inclusión de múltiples actuacións que nin tan sequera aparecen ou incluso desaparecen das contas estatais para 2010.

AUTOVÍA, SANIDADE MARÍTIMA, INFRAESTRUTURAS ESTRATÉXICAS

Gueimunde e Balseiro apuntaron algunhas delas como son a apertura do dique de ALCOA a elaboración dun estudo para a creación da Autoridade Portuaria propia na provincia lucense, a eliminación de puntos negros e mellora do asfaltado das estradas da comarca, a dotación dunha sede autónoma do ISM na Mariña lucense, así como o reforzo material e en cadro de persoal  dos centros de saúde dependentes deste organismo da sanidade mártima. Tamén queren incluír nas contas para 2009 o  acceso descartado a Ribadeo desde a A-8, unha achega maior para que o  corredor deixe de ser unha liña sobre o papel sen posibilidade de execución futura e multiplicar por dous o investimento previsto mellorar os tramos da A-8 que están a presentar dificultades técnicas.

Tal e como adiantaron na primeira valoración dos PXE o PP espera contar co BNG na procura destes novos investimentos e, polo tanto, que os nacionalistas non actuén como veñen facéndoo en anos anteriores. O Bloque acaba pregándose  aos intereses  do PSOE e de Zapatero e esquecendo que non só é imprescindible que aparezan novas partidas orzamentarias para A Mariña, froito das nosas emendas, senón tamén que o Goberno central ten o deber de executar ao 100% os poucos proxectos, infraestruturas e servizos que si aparecen contemplados nas contas estatais pero que unha e outra vez o PSOE é incapaz de executar.

Exit mobile version