Nota de Prensa
O Portavoz Nacional do BNG visita a Mariña
O Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, visita na xornada de maña a Comarca da Mariña, onde manterá contactos con diversos axentes sociais da zona e se reunirá coa militancia do BNG.
Vázquez iniciará a súa visita a Comarca cunha xuntanza en Burela coa Xunta de Persoal do Hospital da Costa onde se analizará a situación da sanidade pública na Mariña, o novo modelo de organización sanitaria de Galiza así como os efectos que vai ter na Comarca da Mariña o recorte das partidas sanitarias en 38 millóns nos orzamentos da Xunta para 2010.
Asemade Vázquez reunirase no Salón de Plenos do Comité de Alcoa con representantes do Comité de Empresa e delegados das empresas auxiliares a fin de analizar as consecuencias que a crise está a provocar na clase traballadora. O BNG considera que unhas das causas que xerou a crise foi a perda de poder de compra da clase traballadora e polo tanto a mesma non se pode resolver con recortes laborais.
A xornada rematará cunha asemblea de afiliados en Foz que se celebrará na casa da Cultura de Foz onde se analizará a situación política do momento.