Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza un debate sobre a segregación por sexos nas aulas

A MARIÑA .- Dentro do grande debate sobre a educación que se está a vivir na sociedade galega e española nos últimos meses, o Observatorio da Mariña pola Igualdade propón abordar o tema A SEGREGACIÓN POR SEXOS NAS AULAS nas cuartas charlas-café “FALEMOS DE…”, que terá lugar este venres días 9, a partir das 20 horas, no Restaurante LA CARACOLA de Foz (Emilia Pardo Bazán, 12 – moi preto da praia da Rapadoira).

As encargadas de compartir o seu punto de vista “FALEMOS DE… A SEGREGACIÓN POR SEXOS NAS AULAS” serán Ana Sánchez Bello, doutora en psicopedagoxía, profesora titular da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, experta en coeducación e con numerosas publicacións sobre o tema, e máis Dores Fernández Abel, secretaria comarcal da CIG-Ensino.

O ciclo de charlas FALEMOS DE… é unha actividade a través da que periodicamente se debaten en diferentes vilas da comarca sobre temas relevantes para avanzar na igualdade de xénero. Así pois, a iniciativa ten como propósito de dar a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da comarca, enfocando a realidade da nosa contorna desde unha perspectiva de xénero que teña en conta as particularidades coas que mulleres e homes vivimos cada situación social. Por este motivo, están abertas e dirixidas a toda a cidadanía (mulleres e homes).

A actividade resulta innovadora de seu na nosa comarca, pero ademais presenta o aliciente de ter un formato ameno e participativo. Así, lonxe do formato de conferencia convencional, o ciclo de charlas-café FALEMOS DE… busca a interacción das relatoras cos homes e mulleres do público nun ambiente agradábel e acolledor, onde ao mesmo tempo que se escoitan as intervencións se poida tamén tomar unha consumición.

Contamos coa súa presenza e agradecemos máxima difusión.

Logo de ter tratado temas como “A repercusión da crise económica nas mulleres” en Ribadeo, “O aborto a debate” e “Mulleres no Deporte” en Burela, neste ocasión é quenda de ir a Foz. Nas vindeiras semanas celebraranse novas charlas-café noutras localidades mariñás, nas que se abordarán temas como “Xénero e Idioma” en San Cibrao, e “A endometriose, a enfermidade que afecta ao 10% das mulleres” de novo en Ribadeo.

Exit mobile version