BURELA .- O equipo de goberno municipal presenta para o pleno unha moción para incluir actuacións do Concello de Burela nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2010. Destacan: a ampliación do hospital da Costa e unha resonancia magnética estable, a construcción dunha nova escola pública ou dun centro para enfermos de alzheimer.
A tenente de alcalde, Neves Cando, sinala que “estes orzamentos de 2010 foron presentados polo goberno do PP cun avance propagandístico e cunhas grandes medidas de autobombo, pero reflicten perfectamente a situación que todas as galegas e os galegos padecemos desde a chegada do goberno do señor Feijoo ao executivo galego. É a máis absoluta inacción e parálise dun goberno que non ten alternativas para afrontar a crise”.
A edil nacionalista considera que “o PP está a despregar unha grande campaña propagandística para xustificar estes orzamentos, pero a realidade é que non son uns presupostos sociais, xa que a nivel galego dous servizos públicos tan fundamentais como son a sanidade e a educación sofren recortes importantes. E son uns orzamentos, globalmente falando, que esquecen aos sectores productivos básicos, posto que recortan os investimentos no medio rural en máis dun 3% e na pesca en máis 20%”.
Polo que se refire ao concello de Burela, Neves Cando, manifesta que “non deixan de ser uns orzamentos que recollen aquelo que xa estaba en parte orzamentado. Tres actuacións: a mellora do abastecemento de auga para Burela e Cervo, o acceso ao porto e reformas diversas no hospital da Costa. Nada máis, non hai por parte do goberno galego do PP unha aposta polo futuro de Burela”.
Por todo isto, o equipo de goberno propón que “o pleno aprobe un acordo importante que é solicitar dos grupos parlamentarios galegos que presenten enmendas para incluir nos orzamentos da Xunta de Galicia coas seguintes actuacións concretas referidas a Burela. En primeiro lugar a ampliación real e efectiva do hospital da Costa, posto que nos propios documentos dos orzamentos da Xunta non aparece ningunha partida destinada ao hospital da Costa; unha resonancia magnética estable; un pavillón polideportivo con piscina climatizada; unha nova escola infantil pública para Burela, posto que temos unha de 120 prazas, pero que xa é insuficiente; o porto deportivo; un centro para enfermos de alzheimer; unha gardería para o hospital da Costa e a rexeneración e recuperación integral das pinturas da igrexa de Viladomedio”.
Neves Cando engade que “éste é o compromiso que o goberno galego ten que explicitar para Burela e para os veciños e veciñas de Burela. Si esto non é así, é simplemente unha declaración de intencións, e como dicía antes, tal e como está o documento dos orzamentos son tres os investimentos que xa estaban contemplados e consignados en exercizos anteriores”.