BURELA (FNC) .- O equipo de goberno aprobará no pleno do vindeiro xoves o regulamento do sistema municipal de arquivos. A edil de Cultura, Neves Cando, explicou que “unificará baixo unhas normas sinxelas e prácticas o que son os arquivos de xestión propiamente ditos, é dicir os que xurden do labor administrativo nos distintos departamentos do Concello, e o futuro arquivo histórico do noso pobo”.
A concelleira nacionalista sinalou que “como resultado das distintas reunións que mantivemos na comisión municipal creada para este asunto xurde agora este regulamento no que se editan as normas para o conxunto do arquivo municipal, porque dito arquivo participa dunha doble vertente dentro do conxunto dos servizos municipais. Por un lado, un servizo municipal básico de apoio á xestión administrativa do Concello e fonte esencial para a consulta de antecedentes documentais por parte da cidadanía, e en segundo lugar, é un servizo cultural máis do Concello porque organiza, conserva e facilita o patrimonio documental xerado por este Concello desde a súa constitución, considerado como unha parte moi importante do noso patrimonio histórico e cultural xunto a outros bens arqueolóxicos, étnicos ou artísticos cuxa conservación é un mandato constitucional”.
Neves Cando engadiu que “neste senso o Concello de Burela concibe o arquivo municipal como un servizo público que debe ser garantido e é responsabilidade municipal a súa axeitada custodia e a súa posta a disposición dos usuarios tanto internos como externos. E a todo isto responde este regulamento, nel búscase, por un lado, delimitar a identidade cuantitativa e cualitativa do patrimonio documental municipal e garantir a súa protección, unidade, conservación e accesibilidade. E por outro lado, racionalizar, axilizar e garantir o mellor funcionamento do mesmo desde o punto de visto da administración municipal”.
A edil de Cultura dixo que “este sistema municipal de arquivos estará formado polo arquivo de xestión e polo arquivo histórico, un arquivo de imaxes, de documentos industriais, familiares ou nobiliarios de publicacións periódicas ou calquera outro fondo considerado de interese polo seu valor cultural, histórico ou artístico. Regúlase non só a documentación administrativa senón tamén o seu tratamento histórico e a documentación que formará parte do patrimonio documental, a tipoloxía, a súa doazón e clasificación, as funcións do persoal encargado do arquivo ou as instalacións, a reproducción, consulta e préstamo deste material, a súa conservación e restauración e a información e difusión de toda esta documentación”.
Cando considera que “cumprimos con este primeiro paso na recuperación de todo este material documental do noso Concello, tanto referido ao pasado coma ao presente, e é a regulamentación para o seu tratamento. E a partires de aquí a comisión municipal formada para este fin emprende dous novos obxectivos: a selección e recuperación de documentos relacionados con Burela que se atopan espallados por distintos organismos e administracións, e sacar á luz este material para constituir un centro de interpretación virtual da nosa historia ata que non dispoñamos dun espazo físico real para a súa exposición”.