Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo asegura que están a xestionar os pagos e non hai risco de corte no subministro eléctrico

CERVO .- O goberno do Concello de Cervo asegura que as novas do “posible corte do subministro eléctrico nas instalacións municipais só teñen por obxecto fomentar o alarmismo entre a poboación” e que o servizo de Intervención do Concello de Cervo está a xestionar os pagos. Dende o Concello de Cervo explican que “trátase de algo desagradable, pero que nas administracións pequenas coma o noso Concello é algo que desgraciadamente acontece de xeito ocasional. Por iso, queremos tranquilizar á opinión pública e aseguramos que o Concello de Cervo non corre ningún risco de estar desabastecido de subministro eléctrico”.

Nota de Prensa

O GOBERNO DE CERVO PREGÚNTASE SE O BNG ESTÁ A TRABALLAR COMA COBRADOR DAS COMPAÑÍAS ELÉCTRICAS

Cervo, 31 de outubro de 2009.- O equipo de Goberno do Concello de Cervo quere denunciar que as informacións difundidas polo Bloque Nacionalista Galego afirmando dun posible corte do subministro eléctrico nas instalacións municipais só teñen por obxecto fomentar o alarmismo entre a poboación.

Os nacionalistas pretenden causar o deterioro do Concello con afirmacións que están a ser sacadas de contexto. Por iso, vista a súa nova saída aos medios, parece coma si agora se tiveran metido a traballar a “Cobradores do Frak” por encargo das eléctricas.

O servizo de Intervención do Concello de Cervo está a xestionar os pagos aos que fan referencia estes señores do xeito máis áxil posible. Trátase de algo desagradable, pero que nas administracións pequenas coma o noso Concello é algo que desgraciadamente acontece de xeito ocasional. Por iso, queremos tranquilizar á opinión pública e aseguramos que o Concello de Cervo non corre ningún risco de estar desabastecido de subministro eléctrico.

Tamén queremos lembrarlles a estes señores que a precaria situación de financiamento na que se atopan tódolos pequenos e medianos concellos galegos non é algo novo para a opinión pública, e estamos seguros que o BNG da Mariña tampouco é descoñecedor dela.

A problemática que está a sufrir o municipalismo non entende de cores nin de faccións políticas. Deberían sabelo moi ben os membros do BNG da Mariña. Por iso recomendámoslles que empreguen as súas forzas en reivindicar da Administración do Estado un maior compromiso e apoio aos Concellos, xa que estas administracións son as máis próximas aos veciños e as responsables de ofrecer tódolos servizos aos cidadáns.

Exit mobile version