Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo deixa sen efecto a licencia de obra concedida para a construción da piscifactoría de Rinlo

RIBADEO (FNC) .- A xunta de goberno acata a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de anular a declaración de impacto ambiental emitida pola Xunta e a licencia de obra concedida polo Concello de Ribadeo para a construción da piscifactoría de Rinlo.

O alcalde, Fernando Suárez, sinala que “nós debemos dicir que as licencias de obra e actividade son actos regulados e non están suxeitos á discrecionalidade das persoas que temos responsabilidade para outorgalas ou non. Digo esto porque cando se deu a licencia aquí no Concello de Ribadeo eu non era o alcalde, pero estaba na comisión de goberno que a concedeu. Foi atendendo exclusivamente a informes técnicos e xurídicos que afirmaban que a licencia se axustaba a dereito, é dicir, axustábase ao plan supramunicipal aprobado pola Xunta e á declaración de impacto ambiental da administración galega”.

Suárez Barcia engade que “agora a xurisdicción determina que esto non é así e que a declaración de impacto ambiental que aprobou a Xunta non se axusta a dereito, e o que hai que facer é o que dicimos sempre as setencias non se discuten, as sentencias cúmprense. E boa proba delo é que na noite de onte nunha xunta de goberno ordinaria para abordar diversos asuntos, todos os representantes que estábamos alí do BNG, do PSOE e do PP decidimos acatar a sentencia en todos os seus términos e deixar sen efecto a licencia de obra”.

O rexedor lembra que “ao pouco tempo de ser eu investido alcalde houbo algúns por parte da empresa e algunhas persoas que agora están na oposición que me acusaron de estar a obstaculizar o proxecto porque non quería dar un certificado de silencio administrativo positivo. Esta sentencia ven demostrar que actuamos coa prudencia debida ao non outorgar como se nos pedía, por parte da empresa e por parte dun grupo que agora está na oposición, esa licencia por silencio positivo. Eu entendo que de facelo naquel momento sí que agora no Concello estaríamos metidos nun bó problema, nun bó lío”.

Fernando Suárez quere que “quede claro que a mediados de 2007 ao pouco tempo de chegar á alcaldía me tiven que enfrontar a unha serie de improperios, ameazas, acusacións nos medios de comunicación… e actuamos coa prudencia debida e ao final a xustiza confirmou aquelo de que eso non fora dado correctamente pola Xunta e como efecto dominó tampouco serve a licencia que o Concello lle otorgou, porque efectivamente a Xunta así o aprobara previamente”.

Exit mobile version