Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo organiza obradoiros para mulleres para fomentar o aforro e a vida saudable

CERVO .- Mulleres de San Cibrao e Rúa, no Concello de Cervo, poden participar nun ciclo de obradoiros organizados polo Concello de Cervo para fomentar o aforro e os hábitos de vida saudable, están organizado pola concellería de Asuntos Sociais.

Nota de Prensa

Os talleres van dirixidos ás mulleres e celebraranse en San Ciprián e Rúa

CERVO CELEBRARÁ  UN CICLO DE OBRADOIROS PARA FOMENTAR O AFORRO E OS HÁBITOS DE VIDA SAUDABLE

Cervo, 6 de outubro de 2009.- A concellería de Asuntos Sociais do Concello de Cervo porá en marcha a partir deste mes dous obradoiros dirixidos ás mulleres do municipio.

O primeiro destes talleres terá lugar na Casa da Cultura de San Ciprián o vindeiro día 24 ás 16.00 horas baixo o título “Sustentabilidade e aforro en tempos de crise”. Segundo indicou Pilar Armada, concelleira de Asuntos Sociais, este obradoiro ofrecerá unha serie de consellos prácticos para conseguir racionalizar os gastos habituais. “O taller ten por obxecto conmemorar o Día Mundial do Aforro, que se celebra o 31 de outubro, e nel pretendemos dar a coñecer unhas pautas que nos axuden a ser máis responsables cos nosos gastos e analizar os que nos son imprescindibles e os que non nos van a quitar a vida por non telos” indicou Armada.

No obradoiro as participantes abordarán temas como:

* Gastos ordinarios no fogar: Facturas de luz, teléfono, calefacción, etc… (entender as facturas)
* Como economizar na compra diaria
* O funcionamento das comunidades de veciños
* Aforro enerxético dos electrodomésticos
* Aforro de auga
* Produtos de usar e tirar
* Trucos e consellos ecolóxicos

Hábitos de vida saudable

O outro dos obradoiros ten por título “Hábitos de vida saudable” e terá lugar o vindeiro 24 de novembro nas Escolas de Rúa a partir das catro da tarde. Nel trataranse temas como a prevención dos trastornos alimentarios, o consumo de dietas saudables e produtos ecolóxicos, os efectos do tabaquismo, ou os beneficios do exercicio físico para gañar en calidade de vida e en saúde.

Os obradoiros terán unha duración de catro horas e todas aquelas mulleres interesadas en participar poderán apuntarse ou ampliar información no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura de San Ciprián. Esta actividade está organizada polo Concello de Cervo en colaboración co Servizo Galego de Igualdade e está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e o Instituto da Muller.

Exit mobile version