Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo asesora a titulares de explotacións no cumprimento do censo agrario

CERVO .- Yolanda Pedreira, concelleira de Patrimonio Cultural e Paisaxístico do Concello de Cervo, ven de informar que os titulares de explotacións agrarias do municipio teñen a posibilidade de cumprimentar coa axuda dos servizos administrativos municipais o cuestionario que están a recibir do Instituto Nacional de Estadística para elaborar o novo censo agrario.

Segundo indicou a concelleira cervense, as principais novidades deste censo con respecto dos elaborados en anos anteriores, refírense á introdución de novas variables relativas á diversificación crecente da actividade agraria, as súas consecuencias para o medio ambiente e a calidade e inocuidade dos produtos agrarios. “Estas novidades da enquisa poden suscitar dúbidas entre os agricultores que teñen que facela, e por iso dende o Concello de Cervo brindámonos para axudalos a encher os cuestionarios” salientou Pedreira.

Aqueles propietarios de explotacións agrarias do municipio interesados en asesoramento poden dirixirse ás oficinas municipais en horario de atención ao público.

O Censo Agrario é unha investigación estatística exhaustiva sobre o colectivo de explotacións agrarias que se realiza periodicamente para reunir, procesar e difundir datos sobre a estrutura do sector agrario. Os principais datos recollidos nel son o tamaño das explotacións, o seu réxime de tenencia e aproveitamento das terras, as áreas cultivadas; así como os métodos de explotación das terras.

Exit mobile version