Nota de Prensa
O CONCELLO RECUPERA O CONTORNO DA PONTE DE LIEIRO PARA O LECER DOS CIDADÁNS
* A remodelación da zona posibilitou a creación dunha nova área de esparexemento á beira do río Cobo de 1.596 metros cadrados
Cervo, 14 de outubro de 2009.- O Concello de Cervo ven de acometer a mellora medioambiental da zona da ponte medieval de Lieiro co obxecto de recuperar o seu valor paisaxístico a través da creación dunha nova área de lecer que permitirá a promoción de actividades de esparexemento integradas co medio ambiente.
A zona obxecto de actuación ten unha superficie de 1.596 metros cadrados na que se diferencian dúas zonas: a Oeste, que se caracteriza por abundantes afloramentos rochosos e vexetación herbácea; e a zona Este, a cal presenta unha pendente entorno ao 30 % até a beira do río Cobo, na que existen pés diseminados de árbores autóctonas (castiñeiros, loureiro e fresnos) acompañados de pés de eucalipto e abundante maleza. Ámbalas dúas zonas atópanse separadas por un muro de pedra de 30 metros lineais en estado semi-ruinoso e polo denominado camiño á ponte romana, que conta cunha lonxitude de 150 metros e un ancho medio de 3 metros, o cal presentaba igualmente un estado de abandono.
As obras de recuperación e mellora consistiron na tala das especies invasoras (eucaliptos) na marxe do río, desbroce da maleza existente, uniformado do terreo, movemento e aporte de terra e rexeneración herbácea mediante céspede rústico de toda a área. Así mesmo acometeuse a restauración do muro e dotouse de mobiliario urbano con catro mesas de madeira tratada cos seus respectivos bancos e diversas papeleiras ao longo de toda a área.
Alfonso Villares, alcalde de Cervo, sinalou que esta actuación era unha das principais demandas dos veciños da parroquia de Lieiro e lembrou que en abril do ano pasado xa se comprometera cos representantes da asociación veciñal deste núcleo a levar adiante a recuperación deste entorno, “un dos enclaves máis senlleiros do noso municipio”. Neste senso Villares reiterou que un dos obxectivos do actual Goberno local é continuar co traballo iniciado en anos anteriores co proxecto Terras de Azul Cobalto “e tentar facer de todo o termo municipal unha gran área verde como signo distintivo da calidade de vida da que gozan os seus cidadáns”.