Site icon Crónica3.com A Mariña

O concelleiro de Deportes de Cervo asegura que a piscina de Lieiro ten “os informes sanitarios en regra”

CERVO .- O concelleiro de Deportes do Concello de Cervo, Rubén Fernández, asegura que a auga do vaso da piscina municipal de Lieiro cumpre todos os requisitos legais sanitarios esixibles e posúe todos os informes sanitarios en regra. Rubén Fernández dixo que o Concello de Cervo leva traballando dende hai meses para potenciar esta infraestrutura que se materializarán nas vindeiras datas

Nota de Prensa

A PISCINA MUNICIPAL DE LIEIRO POSÚE TODOS OS INFORMES SANITARIOS EN REGRA

* Rubén Fernández dixo que o Concello de Cervo leva traballando dende hai meses para potenciar esta infraestrutura que se materializarán nas vindeiras datas

* O delegado de Deportes local recordou que ao longo da última lexislatura o Concello de Cervo pedira reiteradamente axudas ao goberno bipartito da Xunta para adecuar as instalacións, pero fóronlle denegadas

Cervo, 20 de outubro de 2009. O concelleiro de Deportes do Concello de Cervo, Rubén Fernández, asegurou hoxe que a auga do vaso da piscina municipal de Lieiro cumpre todos os requisitos legais sanitarios esixibles e cualificou as criticas dos membros do grupo municipal socialista sobre esta infraestrutura de “patrañas alarmistas que só buscan infundir o medo entre os usuarios”.

Fernández Rouco lembroulles aos socialistas que moitos dos veciños do municipio -entre os que se atopan os integrantes do grupo de Goberno municipal- sempre mantiveron que a construción desta infraestrutura era unha obra faraónica. “No noso entender esta piscina fíxose sen ter en conta os custes de mantemento que carrexaría. Isto é algo que os socialistas aínda teñen pendente de explicarlle á cidadanía. Na actualidade manter este servizo supón un gasto moi alto para as arcas municipais e pese a iso estamos a garantir o seu uso público en interese dos veciños, porque lonxe de ser un problema, esta piscina constitúe toda unha satisfacción e un luxo para todos os cervenses, excepto para os socialistas, que só se acordan dela para criticala”.

O delegado de Deportes local recordou que ao longo da pasada lexislatura autonómica o Concello de Cervo pedira reiteradamente axudas ao goberno bipartito da Xunta para adecuar as instalacións, pero fóronlle denegadas “porque a vontade daquel goberno da Xunta era a de non facer nada en Cervo e incluso, eliminar aquelo que xa estaba conformado”.

Do mesmo xeito referiuse aos apoios económicos recibidos pola Deputación, os cales cualificou de “desvergoñadamente inexistentes”. Sobre todo, segundo Rubén Fernández, tendo en conta que outros concellos coma Viveiro ou Becerreá “onde responsables provinciais forman parte dos gobernos locais” teñen recibido axudas superiores aos 500.000 euros en materia deportiva “e a nós lévannos ninguneando, a pesares de que a vicepresidenta é tamén concelleira desta corporación, o cal ven a demostrar a súa nula influencia nesta institución provincial e o desinterese que ten cos veciños do seu municipio”.

Potenciación do servizo

Rubén Fernández dixo que o Concello de Cervo leva traballando dende hai meses para potenciar a piscina de Lieiro, “por iso non me estrañaría nada que ao Psoe lle chegaran estas informacións e se descolgara agora con estas acusacións alarmistas para tentar tapar así a súa nula colaboración a prol desta infraestrutura”. Neste senso asegurou que o Concello leva mantendo reunións de xeito regular coa Secretaría Xeral para o Deporte para intentar desenvolver as melloras precisas nestas instalacións municipais, “e en vindeiras datas estes traballos verán a luz” asegurou.

Por último, o concelleiro de Deportes lamentou a manipulación dos socialistas en todo o que se refire á piscina de Lieiro e criticou que tiveran que ser sempre os cidadáns os que paguen as consecuencias da súa falta escrúpulos.

Exit mobile version