FOZ / XOVE (MFO) .- Mal fin de semana para os principais clubs de baloncesto de A Mariña. O Xove caeu derrotado por 34 puntos na saída que fixo a Narón e o Celtas – Primera Calidad perdeu por 30 puntos en Foz ante o Basket Coruña.
Celtas-Primera Calidad 56 – Basket Coruña 86
O Celtas-Primera Calidad afrontou o seu compromiso contra Basket Coruña coa ilusión de acadar a súa primeira vitoria, e non puido ser. O equipo dirixido polo canario Marcos Justo non foi capaz de seguir o frenético ritmo imposto polo rival e perdeu por 30 puntos de diferencia.
O partido comezou cun ritmo moi alto de xogo, imposto polos da Coruña, conseguido cunha presión a toda pista que durou todo o partido. O Celtas-Primera Calidad non puido seguir o ritmo e ao fin dos primeiros dez minutos o marcador xa reflectía un 18 a 26. O segundo cuarto seguiu a mesma tónica e no descanso a diferencia era de 17 puntos ( 29 – 46 ). No segundo tempo o Celtas alternou con momentos de bo xogo, pero as escasas rotacións e a precipitación polo alto ritmo de partido condenou aos de Foz. Finalmente o marcador quedou 56 a 86.
Polo Celtas-Primera Calidad xogaron: Sama (11), Lucas (12), Alberto (4), Miguel (12), Eduardo (4) – Aarón (8), Humberto (4), Adrián (1), Manuel e Brais.
Narón 83 – Xove 49
O Club de Baloncesto Xove perdeu en Narón contra un dos favoritos da liga. Dende o principio os de Narón fixeron valer a súa superioridade distanciándose no marcador ata acadar ao fin do partido 34 puntos de diferencia ( 83-49 ). Tras este partido os de Xove levan un balance de dúas vitorias por tantas derrotas.