Nota de Prensa
O BNG insta ao Ministerio de Fomento a impulsar as obras da Autovía de conexión entre Barreiros e San Cibrao
Os nacionalistas piden a Fomento a apertura dunha mesa de diálogo cos concellos afectados para acordar un trazado que satisfaga as demandas veciñais
O Portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, presentou o pasado luns unha proposición non de lei no Congreso, no que urxe do Goberno do Estado unha axilización e impulso o tramo do Corredor de competencia Estatal e require de Fomento a apertura dunha mesa de diálogo cos Concellos por onde discorre para fixar un trazado do mesmo que teña en conta as demandas veciñais.
O Ministerio desenténdese da autovía nos orzamentos 2010
A iniciativa de Jorquera xurde dos repetidos incumprimentos por parte do Goberno do Estado dos prazos de execución desta obra e de xeito moi particular da inexistencia de consignación para esta obra nos Orzamentos de 2010. Para os nacionalistas o feito de que O Goberno do Estado na súa proposta de Orzamentos nun caso recolla 0 Euros para a mesma e noutro fixe 60.000 Euros significa que Fomento se desentende deste vial.
Repercusións sobre o planeamento e alegacións veciñais
Asemade os nacionalistas esixen que o Goberno lle clarifique aos Concellos cal vai ser o trazado do mesmo, posto que por tratarse dunha infraestructura central, a súa definición é clave a hora de fixar os respectivos planeamentos. Neste sentido queren lembrar que a totalidade dos Concellos afectados por este vial, así como unha boa chea de colectivos veciñais, presentaron alegacións ao seu trazado, e xa que logo urxe que Fomento abra unha vía de diálogo cos concellos e colectivos veciñais que presentaron alegacións.
Na boca do Portavoz Nacionalista non se trata agora de comezar cun memorial de agravios e de reproches, para o que a bo seguro que esta actuación dá, o que se pretende e fixar un cronograma, e sobre todo, dotación orzamentaria para que a obra sexa executada na maior brevidade posíbel.