NOTA DE PRENSA
Os orzamentos 2010 da Xunta non conteñen medidas para enfrontar a crise económica e deixa soa á cidadanía galega no momento que mais apoio precisa
A parálise inversora no corredor da costa impide o apoio aos sectores económicos da comarca e frea a xeración de postos de traballo
Non investir no Hospital da Costa deixa claras as intencións do PP de non apostar pola mellora da sanidade pública na Mariña
O Parlamentar do BNG Fernando Blanco e Antonio Veiga, Portavoz comarcal do BNG na súa comparecencia pública para valorar os orzamentos da Xunta para 2010 deixaron clara a posición dos nacionalistas a respecto das contas públicas elaboradas polo PP para o ano 2010. Segundo os nacionalistas, “estas contas son claramente involucionistas e negativas para o conxunto do país”, ao contrario do que debería suceder nun contexto de crise económica como o actual, no que a administración pública debe facer apostas decididas pola economía productiva e a protección daqueles sectores sociais mais golpeados por esta situación, “ o executivo de Feijoo non contempla medidas para enfrontar a crise e abandona á sociedade galega á súa sorte no momento que mais precisa do apoio da administración pública”. Os portavoces nacionalistas incidiron neste tema argumentando que “os recortes no investimento público frea a capacidade desenvolvemento económico e por tanto a creación de postos de traballo”
Paralizar investimento no corredor da costa frea o desenvolvemento económico en todo o norte galego
Fernando Blanco referiuse á parálise orzamentaria no que respecta a unha das grandes infraestructuras de comunicación na comarca da Mariña como é o corredor da costa entre Barreiros e Ferrol, para o nacionalista fica claro que “nin uns, nin outros teñen interese en apostar por unha das zonas con maior capacidade de desenvolvemento do país”, referíndose así á inexistencia de partidas orzamentarias para esta infraestructura, tanto no tramo de competencia estatal como no da Xunta, Blanco lembrou que área norte da Galiza costeira, as comarcas da Mariña lucense, Ortegal, Eume e Ferrol, constitúen un espazo definido e diferenciado de 300.000 habitantes e 3.000 quilómetros cadrados de superficie cun potencial económico e demográfico caracterizado pola presenza de importantes enclaves industriais e enerxéticos (Inespal-Alcoa, Endesa-As Pontes, Megasa, IZAR-Fene/Ferrol) así como unha actividade relativamente superior á media galega en sectores como a pesca, a explotación forestal, industrias extractivas de minerais non metálicos, alimentación, téxtil e confeción, madeira e corcho, química, metalurxia, transportes e outros, cuxo desenvolvemento futuro está precisamente condicionado á mellora das infraestructuras viarias. “Nun contexto de crise económica como o actual, frear un investimento público destas características non só supón un insulto ás capacidades de desenvolvemento destes territorios, ademais ten efectos demoledores na criación de emprego e reactivación da economía”, rematou o portavoz nacionalista.
Por moito que o neguen os incumprimentos do PP en materia sanitaria poñen en evidencia a falla de interese do goberno por mellorar a sanidade pública na Mariña.
Fernando Blanco referiuse ao debate existente na Mariña en relación á asistencia sanitaria, o nacionalista remarcou que “unha cousa é o que Balseito e PP digan, e outra son os feitos”, argumentando que si realmente o PP apostara pola mellora do servizo sanitario desta comarca, tería consignado as partidas necesarias para levar adiante proxectos que xa estaban elaborados polo anterior goberno”, facendo mención á inexistencia de ningunha partida nos orzamentos 2010 para o Plan Funcional do Hospital da Costa e a tan necesaria ampliación do Hospital da Costa, “os orzamentos 2010 limítanse a consignar partidas que xa estaban comprometidas con anterioridade, nada mais que iso”. Fernando Blanco tamén chamou a atención sobre a mala xestión hospitalaria e os datos sobre listas de espera, “a consellería cada vez que hai un problema saca do caixón algunha escusa, e mentres desmonta o feito polo anterior goberno, non propón ningunha alternativa para solucionar os problemas”