Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo espera que os accesos ao Camiño de Santiago estean listos antes de finais de ano

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, agarda que antes de finais de ano estean listos e limpos os viais de acceso ao Camiño de Santiago en Ove e en Covelas.

O rexedor asegura que “nestes días están a ser executadas a bó ritmo unha serie de obras, a través dun convenio asinado coa Área de Turismo da Deputación Provincial de Lugo. Son 20.000 euros que nos permiten actuar nunha serie de camiños municipais que dan acceso ao Camiño de Santiago. Estes viais víronse moi afectados por mor daquelas chuvias e treboadas do inverno pasado que asolaron parte do noso concello, e a Área de Turismo da Deputación foi sensible a esta petición efectuada polo Concello de Ribadeo e asinamos hai uns meses dito convenio”. Suárez Barcia explica que “no Concello queremos ter os viais que dan acceso ao Camiño de Santiago en perfectas condicións, dado que o ano próximo virá moita máis xente, moitos peregrinos… estamos actuando en Ove, Vilela, Covelas, Vilamariz e Arante. Estamos procedendo á limpeza de gavias con motoniveladora, con paleadora e con camión e contamos que antes de que acabe este ano estean listas unha ducia de pistas que se verán beneficiadas desta actuación para que así cando volten as augas éstas non apocen, non atoen e nos desborden como pasou no pasado”.

Fernando Suárez engadiu que “tamén estamos pendentes, despois da última visita que cursou a Ribadeo o presidente da Deputación de Lugo do seu compromiso de enviar a maquinaria de obras para facer máis ou menos o mesmo nunha serie de viais doutras parroquias para actuar tamén nelas e non só naquelas polas que pasa o Camiño de Santiago. Hai poucos días que lle enviamos unha relación minuciosa de todas as pistas que precisan de actuación por parte da Deputación e estamos convencidos de que teremos aquí nunhas semanas esa maquinaria, tal e como o presidente nos indicou e desde logo que non temos porqué dubidar da súa palabra”.

Exit mobile version