RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, visitou esta mañá o centro de día A Conrcordia na xornada de portas abertas que se está a desenvolver en ditas instalacións.
O rexedor lembrou que “o centro inicialmente dependía do Concello e da asociación A Concordia e agora está cedido en uso ao Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar. É unha satisfacción estar con toda esta xente, con todo este persoal nunhas instalacións que están ao límite da súa capacidade. Hai que lembrar que cando o Consorcio colleu este centro de día había máis ou menos 8 ou 9 usuarios e agora temos 21, está colmatado e incluso hai lista de espera, o cal da mostras do bó funcionamento do centro”.
Fernando Suárez sinalou que “tamén da gusto ver todas estas obras que remataron hai poucos meses nas que o Concello tivo unha participación directa porque conseguiu a financiación duns 60.000 euros para tentar atallar un problema que tiña este edificio. Hai que lembrar que foi un matadeiro e que tiña uns problemas de salitre importantes, polo tanto ailláronse todas as paredes interiores cuns sistemas modernos de pladur e que permiten ver totalmente remozado o centro no seu interior”. Esas obras foron posibles grazas ao convenio asinado no seu día entre o Concello de Ribadeo e a Área de Servizos Socias da Deputación Provincial de Lugo.
O alcalde dixo que “agora quedan pendentes as obras pola parte exterior e que a Xunta cumpra o compromiso do goberno anterior de remozalo por fora dado que o problema de salitre segue a estar tamén aí e se poden ver os desconchados que ten na pintura. En todo o caso o interior está perfecto e é moi agradable estar aquí con esta xente maior que ten a posibilidade de pasar aquí todo o día e logo pola noite no transporte adaptado do 065, que tamén é un logro do goberno anterior da Xunta, permite que os poidan levar á casa con toda comodidade”.