Site icon Crónica3.com A Mariña

Maxia en San Cibrao no programa de dinamización lingüística “Bocaberta”

CERVO .– Hoxe tivo lugar no Auditorio da Casa da Cultura de San Ciprián o espectáculo “Cali o Mago”. Esta actuación estaba dirixida aos nenos e nenas do municipio de 4 a 14 anos e enmarcase dentro da campaña de animación lingüística “Voces á orella” do programa de dinamización lingüística Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia

O espectáculo consistiu nunha actuación de maxia a cargo do Mago Cali, baseada no libro “Amancio Amigo e o Meigo de Salamanca” de Xosé Miranda.

O prestidixitador ofreceu un espectáculo cheo de maxia e ilusión, un percorrido polos efectos máis coloridos e fantásticos. Na procura dese espazo de inocencia que transmiten os libros e a súa lectura, a maxia que xorde como por arte de encantamento fixo o espectáculo divertido e comunicativo, nunha atmosfera de emoción.

O programa Bocaberta é unha iniciativa de dinamización do uso do galego entre os máis pequenos, que conta coa participación de 11 prestixiosas editoriais. Bocaberta vai dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 18 anos, agrupa toda unha serie de actividades organizadas polas distintas editoriais que percorrerán 286 concellos de Galicia, entre os que se atopa Cervo. O obxectivo é fomentar o uso do galego neste segmento de poboación achegándoos dun modo positivo á lingua e á cultura galegas. Así, todas as iniciativas están deseñadas desde os intereses dos máis novos, para promover a súa participación activa.

Exit mobile version