Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez pídella á Xunta que non retarde máis a construción da escola infantil nin o centro de enfermos de Alzheimer

RIBADEO (FNC) .- O alcalde, Fernando Suárez, valora de xeito positivo os sete millóns de euros que a Xunta investirá no 2010 en Ribadeo, pero bota en falla as consignacións necesarias para a construcción dunha nova escola infantil e para a posta en marcha do centro de día para enfermos de alzheimer.

O rexedor sinalou que “eu como alcalde de Ribadeo debo valorar tamén positivamente ese anuncio efectuado polo portavoz do PP no Concello, ainda que non coñezo ao detalle esas partidas. Entendo tamén que son cousas que estaban previstas polo anterior goberno autonómico, como era o aumento na altura do peirao de Ribadeo ou o dragado da ría”.

A Suárez Barcia gustaríalle que “dentro destes millóns de euros, non sei si chegarían para tanto, se consignaran os cartos suficientes para dar cumprimento aos compromisos firmados, acordados en pleno…como pode ser que a Xunta de Galicia comezase no 2010 as obras de construción da nova escola infantil”. O alcalde lembrou que “eu xestionei diante da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar que fixeran unha escola deste tipo porque Ribadeo é un lugar no que nacen moitos nenos e onde moitos nenos xunto cos seus pais veñen vivir ao noso concello. Esto tamén o debo de enmarcar nas críticas que se están a producir estes días sobre a falla de previsión que hai na gardería pública de Ribadeo, nesta gardería que se ampliou hai dous anos grazas ás nosas xestións, pero que non da máis de sí. É necesario ter unha nova gardería porque Ribadeo é un sitio dinámico, é un sitio vivo e que necesita destas prazas públicas de ensino de 0 a 3 anos”.

O rexedor engadiu que tamén lle gustaría que “nestas previsións de sete millóns de euros figurase a consignación precisa para converter aquela casa reitoral de Ove en centro de día para enfermos de alzheimer. No seu día asinouse un convenio entre Anxo Quintana e o bispo de Mondoñedo-Ferrol. É un centro do que se chegou a asinar aquel protocolo, do que se chegou a ter redactado un proxecto que pasou os informes favorables de Urbanismo e de Patrimonio e que está pendente de licitación por parte de quen lle corresponde que é Xunta de Galicia”.

Fernando Suárez dixo que “ao igual que hai moitos nenos en Ribadeo, tamén hai moita xente maior con esta enfermidade fatal que é o alzheimer, e por iso lle pido á Xunta que non dilate estes proxectos fundamentais para o noso concello. Eu serei o primeiro en aplaudir e en valorar que esto non sofre ningunha demora política e interesada e que será unha realidade. Así resolverémoslles moitos problemas a moitos pais e moitas nais e tamén a moitos fillos que teñen aos seus pais maiores”.

Exit mobile version