Nota de Prensa
Alberto Núñez da Mariña, algo que tamén confirmou a propia Conselleira na xuntanza que mantivo no día de hoxe cun colectivo veciñal
O PP DA MARIÑA FELICÍTASE POLAS PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA GARANTINDO A CONTINUIDADE DA ÁREA SANITARIA COMARCAL E O REFORZO DO PERSOAL E SERVIZOS NO HOSPITAL DA COSTA
* Os populares piden ás asociacións e colectivos da Mariña que non se deixen manipular por intereses particulares políticos e sindicais e confíen na vontade do xefe do Executivo galego.
A Mariña, 06 de outubro de 2009.- O Partido Popular da Mariña amosou a súa satisfacción despois das palabras do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo quen, con ocasión da súa visita á Festa da Faba de Lourenzá, garantiu a continuidade da área sanitaria comarcal e apostou por impulsar desde a Xunta o reforzo do cadro de persoal, capacidade tecnolóxica e especialidades que se veñen prestando no Hospital da Costa. Os populares afirman que as palabras do xefe do Executivo galego confirman a vontade da Xunta e veñen a desmentir as informacións difundidas polos nacionalistas e os socialistas nas pasadas semanas. Botan por terra tamén a intención do anterior Goberno bipartito que propoñía a centralización en Ferrol da xestión da sanidade comarcal.
Ao contundente desmentido o Presidente da Xunta de Galicia hai que engadir o compromiso adquirido nesta mesma dirección por parte da titular do departamento autonómico de Sanidade, Pilar Farjas, quen volveu a insistir na plena autonomía do sistema sanitario comarcal e na conveniencia do seu reforzo con ocasión dunha xuntanza que mantivo no día de hoxe a propia conselleira cun colectivo veciñal da Mariña.
En base a esta realidade os populares fan un chamamento a todas as asociacións e colectivos da nosa comarca para que non se deixen manipular por intereses políticos e sindicais e confíen na vontade do Presidente da Xunta.
Os populares amosan a súa plena satisfacción porque tanto o titular do Executivo galego como a propia conselleira avalen a posición mantida polo PP comarcal tendente a traballar pola mellora do sistema público de saúde na Mariña moi deteriorado como consecuencia da mala xestión do anterior Goberno bipartito.