Site icon Crónica3.com A Mariña

Espectaculo para menores de 14 anos na casa da cultura de San Ciprián

CERVO .- O mércores, 28 de outubro, terá lugar no auditorio da casa da cultura de San Ciprián o espectáculo “Cali o Mago” que consistirá na lectura do libro “Amancio Amigo e o Meigo de Salamanca” de Xosé Miranda e a posterior actuación do Mago Cali. Esta actuación vai dirixida aos nenos e nenas do municipio de 4 a 14 anos.

Nota der Prensa

O PROGRAMA DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA ‘BOCABERTA’, NO AUDITORIO DA CASA DA CULTURA

* A actuación de San Ciprián vai dirixida aos escolares de 4 a 14 anos e persegue a animación  á lectura a través dun espectáculo de maxia

* O programa Bocaberta é unha iniciativa de dinamización do uso do galego entre os máis pequenos, que conta coa participación de 11 prestixiosas editoriais

* A programación de Bocaberta en Cervo completarase o vindeiro 16 de novembro co espectáculo “A fantástica viaxe de Patri”  que se celebrará no auditorio da Casa Consistorial

Cervo, 26 de outubro de 2009.- O vindeiro mércores, 28 de outubro, terá lugar no Auditorio da Casa da Cultura de San Ciprián o espectáculo “Cali o Mago”. Esta actuación vai dirixida aos nenos e nenas do municipio de 4 a 14 anos e enmarcase dentro da campaña de animación lingüística “Voces á orella” do programa de dinamización lingüística Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O espectáculo consistirá na lectura do libro “Amancio Amigo e o Meigo de Salamanca” de Xosé Miranda e a posterior actuación do Mago Cali, quen presentará un espectáculo cheo de maxia e ilusión, un percorrido polos efectos máis coloridos e fantásticos. Na procura dese espazo de inocencia que transmiten os libros e a súa lectura, a maxia que xorde como por arte de encantamento fai o espectáculo divertido e comunicativo, nunha atmosfera de emoción.

Dende a concellería de Cultura remitiuse invitación aos colexios do termo municipal para asistir a este espectáculo, o cal contará con dous pases (10.30 e 12.00 horas) para que tódolos escolares poidan gozar del.

O programa Bocaberta é unha iniciativa de dinamización do uso do galego entre os máis pequenos, que conta coa participación de 11 prestixiosas editoriais. Bocaberta vai dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 18 anos, agrupa toda unha serie de actividades organizadas polas distintas editoriais que percorrerán 286 concellos de Galicia, entre os que se atopa Cervo. O obxectivo é fomentar o uso do galego neste segmento de poboación achegándoos dun modo positivo á lingua e á cultura galegas. Así, todas as iniciativas están deseñadas desde os intereses dos máis novos, para promover a súa participación activa.

Cervo

A concelleira de Cultura do Concello de Cervo, Chelo Gallego Sinalou que esta actividade está organizada conxuntamente polas concellerías de Cultura e Educación e conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así mesmo adiantou que a programación de Bocaberta proxectada para Cervo completarase coa celebración o vindeiro 16 de novembro co espectáculo “A fantástica viaxe de Patri”, dirixido aos escolares do municipio de 3 a 9 anos.

“A fantástica viaxe de Patri” enmárcase dentro da campaña “Contos para Falar” do programa Bocaberta e Trátase dunha montaxe narrativa e musical consistente nunha viaxe ao longo de Galicia que actúa como fío condutor das narracións. Nesta viaxe, e a través de varios contos de situación, móstranse distintos aspectos de Galicia, integrando a rural e mais a urbana, o traballo, o transporte e o mundo dos nenos.

Exit mobile version