Facer cerámica sen présa e sen destino agudiza a capacidade para ver e reflexionar. Nos últimos días, apuntei no encerado do meu obradoiro unhas palabras clave que me permitisen recordar cando me sentase fronte ao ordenador para escribir a miña colaboración desta semana.
Bolsas. Nun tempo en que os medios nos machacan coa pretendida “conversión verde” dalgúns supermercados que xa non darán bolsiñas de plástico para meter o que merquemos, chego á conclusión de que son útiles, non cabe dúbida. Adoito gardar as máis grandes, prácticas, resistentes, algunha curiosa… Pero na Mariña -e seguro que en máis sitios- hai quen baixa o bocata en bolsa de boutique. Explícome. Bolsa de tenda cara que vai e vén con todo obxecto transportable. Centos de usos e regresa á casa. Non a tiran. Non vaia ser que teñas que levar algo outro día e só teñas as do Eroski. Que dirían…!
Envexa. Segunda palabra. Posiblemente agudizada coa crise. Non me estenderei moito. O que sobe en calquera escalafón social ou económico é un estúpido se é rapaz e unha fresca se é pequena. Ao seu lado, crítica. Terceira palabra. Nada vale. Dáse nisto un fenómeno curioso e que, en matemáticas, sería inversamente proporcional: Os que critican todo o que se fai son os que nunca fixeron nada.
Difíciles. Cuarta. «En Galicia sodes difíciles, pechados». Díxomo unha xente que coñecín hai pouco. Púxenme a falar con ela por casualidade e acabei comendo e falando largamente. «Pero tu eres galego?», preguntáronme con insistencia. Ata me deu rabia. Non obstante, recoñezo que no inicio da charla eu pensei o mesmo. «É de fóra..son de Madrid…Que podes esperar?.». Outra xente contoume hai pouco que chegou a achegarse a alguén para dicir «Non te acordas de min?». E non o coñecía de nada… Só quería falar. Facer amigos.
Bolsas. Envexa. Crítica. Difíciles… Algo máis escribira no encerado do obradoiro xunto ás palabras. ‘ Por que somos tan parvos? ‘ Moi parvos. Tanto como eu por non apuntar no mesmo encerado o teléfono daquela xente…de toda a xente que pasou este verán por REGALXUNQUEIRA, claro que para non ter que gastar tiza, agora temos Facembook, onde teño centos de amigos, iso si que case non coñezo, nin eles a min.
Xa o dicía Ruben Blades “Sorpresas te da la vida …la vida te da sorpresas”