Site icon Crónica3.com A Mariña

Educación destina 54.700 euros para o plan de mellora de trece bibliotecas escolares da Mariña

A MARIÑA .- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a desenvolver o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade pública, para o curso 2009/2010. Segundo explica a deputada popular Emma Álvarez Chao esta axuda permitirá a un total de 13 bibliotecas mariñás mellorar a súa dotación e promover actividades de dinamización. A Administración educativa inviste un total de 54.700 euros nesta acción destinada a varios centros educativos da nosa comarca.

No Diario Oficial de Galicia aparece publicada a relación de centros beneficiarios entre as que cabe salientar os seguintes concellos da Mariña lucense:

Centros participantes no plan de mellora de Bibliotecas Escolares

no 2005,2006 e 2007:

CEIP do Castro de Ouro Alfoz ——— 600 €

CEIP Vista Alegre Burela ————– 1.400 €

CEIP de Cervo Cervo ——————- 1.400 €

IES de Foz Foz ————————— 1.500 €

María Sarmiento Viveiro —————- 1.200 €

Centros participantes no plan de mellora da Bibliotecas Escolares

no 2008:

IES Monte Castelo Burela ——— 4.300 €

CEIP de Covas Viveiro ————- 4.000 €

Centros que se integran no Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2009/2010

CEIP Virxe do Carme Burela ——— 6.800 €

IES Perdouro Burela ——————— 6.800 €

CEIP O Cantel Foz ———————– 6.300 €

IES San Rosendo Mondoñedo ——— 6.800 €

CEIP Antonio Pedrosa Latas Viveiro — 6.300 €

IES Vilar Ponte Viveiro ——————- 7.300 €

ORGANIZAR, ACTUALIZAR E DINAMIZAR A BIBLIOTECA ESCOLAR

O Plan de mellora de bibliotecas escolares que se desenvolverá durante este curso ten como obxectivo incentivar a organización, actualización e dinamización da biblioteca escolar. Ademais Educación continúa coa liña de axudas a aqueles centros xa integrados no programa en anos anteriores que, segundo un seguimento realizado pola Consellería, están a realizar un traballo coherente e axustado aos compromisos adquiridos, camiñando cara á consolidación destes recursos educativos ao servizo das súas respectivas comunidades escolares.

A BIBLIOTECA UN ESPAZO MÁIS PARA O ENSINO APRENDIZAXE

O plan pretende incentivar e impulsar a elaboración e posta en marcha de proxectos de biblioteca para que sexan un espazo máis na tarefa do ensino aprendizaxe; ademais pretende financiar a realización de actividades de formación dos usuarios e educación documental; o papel da biblioteca na elaboración e desenvolvemento do proxecto lector do centro; o fomento da lectura; a compensación das desigualdades sociais; e a dinamización cultural na comunidade escolar.

SOCIEDADE DA INFORMACIÓN

A Lei Orgánica de Educación fai referencia á necesidade de prestar unha atención prioritaria ao conxunto de factores que favorecen a calidade da ensinanzas, como a dotación de recursos educativos, o fomento da lectura e o uso de bibliotecas. A Administración educativa é consciente de que a biblioteca serve de canle para a integración nos centros educativos das tecnoloxías da comunicación e ofrece a posibilidade dun acceso igualitario.

Este espazo constitúe un recurso imprescindible para a formación do alumnado na actual sociedade da información que demanda cidadáns dotados de destrezas para a consulta eficaz das fontes, a selección crítica das informacións e a construción autónoma do coñecemento.

Exit mobile version