Site icon Crónica3.com A Mariña

Díaz Pardo e Rivera Casás serán propostos “para seren galardoados como fillos adoptivos”

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Vilares, proporá que sexan distinguidos como fillos adoptivos do Concello de Cervo, Isaac Díaz Pardo e Francisco Moisés Rivera Casás. A iniciativa do mandatario cervense prodúcese trala entrada en vigor do regulamento especial de honras e distincións do Concello de Cervo coa súa publicación no boletín oficial da provincia.

Nota de Prensa

DÍAZ PARDO E RIVERA CASÁS SERÁN PROPOSTOS POLA ALCALDÍA PARA SEREN GALARDOADOS COMO FILLOS ADOPTIVOS DE CERVO

* Os dous candidatos forman parte da historia viva de Cervo e foron protagonistas directos dos cambios e logros acadados por este concello no último século

* Unha vez se formalice oficialmente a proposta da alcaldía, iniciarase o procedemento de elaboración dos expedientes co obxecto de acreditar os seus méritos ao título

Cervo, 15 de outubro de 2009.- Trala entrada en vigor do regulamento especial de honras e distincións do Concello de Cervo coa súa publicación no boletín oficial da provincia o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, avanzou que dende a alcaldía proporase ao intelectual Isaac Díaz Pardo e ao mestre Francisco Rivera Casás para seren galardoados co título de fillo adoptivo do municipio.

Segundo manifestou o alcalde, os dous persoeiros propostos teñen recoñecementos sobradamente merecidos para seren acredores a esta distinción  “e por iso pretendemos saldar unha débeda de gratitude que temos todos os veciños de Cervo con ámbolos dous”. Na súa opinión Díaz Pardo e Rivera Casás forman parte da historia viva de Cervo e son protagonistas directos dos cambios e logros acadados por este concello no último século. “Por iso penso que non pode haber persoas máis axeitadas para abrir a lista de galardoados con esta distinción” asegurou Villares.

Unha vez se formalice oficialmente a proposta da alcaldía, iniciarase o procedemento de elaboración dos expedientes de ámbolos dous candidatos co obxecto de acreditar os seus méritos ao título. Para elo, o alcalde nomeará a un instrutor entre os concelleiros da corporación, que será o encargado de recabar información dos dous candidatos entre persoas, asociacións, colectivos e institucións de ámbito municipal, provincial, autonómico e estatal.

A intención do Goberno local é iniciar estes trámites canto antes, “entre outras cousas porque nos gustaría que polo menos a concesión do galardón de fillo adoptivo para Isaac Díaz Pardo poida facerse efectiva neste ano, coincidindo así co Bicentenario do pasamento do Marqués de Sargadelos” sinalou o alcalde cervense.

O regulamento de honras e distincións do Concello de Cervo ten por obxecto premiar ou recoñecer as actuacións de persoas que poidan ser merecedoras destas títulos pola súa traxectoria profesional ou persoal. Para iso, o regulamento establece as distincións de fillo adoptivo para aquelas persoas nacidas no termo municipal; e a de fillo adoptivo para aqueles candidatos que non habendo nacido no concello teñen un vinculo especial con el.

Exit mobile version