Site icon Crónica3.com A Mariña

Desde que se creou a oficina de emprego municipal en Burela o 43% dos demandantes atópanse en activo

BURELA (FNC) .- Un total de 233 persoas se rexistraron este ano na oficina de emprego do Concello de Burela en busca dun posto de traballo. Desde que se creou este servizo en xaneiro de 2008 o 43% dos demandantes atópanse en activo, segundo deu a coñecer no día de hoxe a edil de Formación e Emprego, Sonia Fraga.

A concelleira socialista explicou que “dende xaneiro de 2008, estáse a crear unha Rede de Empresas Colaboradoras da bolsa de emprego municipal. Dende a posta en marcha deste proxecto rexistráronse 53 empresas colaboradoras, entre as que se atopan tamén algunhas de traballo temporal. Tívose contacto con elas por diversas canles (teléfono, e-mail, visita persoal…). Ademáis o número de empresas ás que se informou do servizo e se lles plantexou a posibilidade de derivar ofertas cara á bolsa de emprego un total de 228”.

Sonia Fraga sinalou que “durante o ano 2009, foron rexistradas 233 persoas demandantes de emprego, que sumadas ás do ano anterior fan un total 566, coas que se traballou de maneira activa e continuada. Todas estas persoas acoden ó servizo solicitando un posto de traballo pola súa situación de desemprego ou solicitando unha ocupación laboral mellor á desempeñada na actualidade”.

A edil de Emprego suliñou que “un 62% das 566 persoas rexistradas pertencen a algún tipo de colectivo vulnerable. Cabe destacar que algunhas pertencen a dous ou incluso máis colectivos vulnerables (inmigrante, sen permiso de traballo, maior de 45 anos; muller pertencente a algún colectivo de risco de exclusión social,etc…) Hai que destacar a grande cantidade de persoas inmigrantes e o número tamén importante de persoas de máis de 45 anos que se atopa en situación de desemprego”. As mulleres son as maiores demandantes de emprego “o 64% do total de altas rexistradas foron realizadas por mulleres, das que o 50% son inmigrantes, na súa maioría de países de Sudamérica e de Cabo Verde”.

Carnet de conducir

Sonia Fraga considera que “outro dato a ter en conta é o carné de conducir, posto que debido á mala comunicación existente entre os municipios limítrofes, a posesión do carné de conducir é unha ferramenta de gran axuda na procura dun posto de traballo, e incluso, en ocasións, requisito indispensable. O 38% das persoas inscritas non teñen carné de conducir e aí temos un grande traballo por diante desde a nosa oficina municipal de emprego”.

A concelleira de Emprego valora de xeito moi positivo o funcionamento deste servizo xa que “actualmente atópanse en activo o 43% das persoas dadas de alta dende xaneiro de 2008. Estas persoas atoparon un traballo coa axuda deste servizo de emprego municipal, ben a través de derivo a ofertas, ben a través de apoio en habilidades sociais, deseño de currículo e preparación das entrevistas”.

As persoas ou empresas interesadas neste servizo de emprego, poden acudir á Oficina de Emprego Municipal, situada na Avenida Arcadio Pardiñas 137 Entrechán, en horario de 9 a 14 horas. Para máis información, poden chamar ó teléfono 982 581 630

Sonia Fraga lembra que “o seu funcionamento consiste nunha primeira entrevista o/a demandante de emprego, recollendo datos significativos para a consecución dun posto de traballo (datos persoais, experiencia profesional, formación…) A partir deste momento, cítanse ós/ás usuarios/as co fin de coñecer as súas características persoais máis en profundidade, ampliando información de cada unha das persoas inscritas na bolsa de emprego, coa finalidade de deseñar a tódolos participantes un itinerario de inserción personalizado, atendendo á situación particular de cada un. A personalización do servizo tamén se recolle á hora de derivar ós/as ususarios/as a ofertas de traballo, posto que na entrevista inicial rexístranse os postos de traballo de interese e os que non lle interesa, de modo que soamente son derivados ós primeiros. En canto ás empresas colaboradoras, cando toman contacto coa oficina de emprego, esta rexistra a oferta laboral, solicitando o perfil profesional necesario para cubrir o posto de traballo, ademáis das condicións laborais (horario, tempo de contrato, funcións a desenrolar,…). A partir deste momento, remítenselle ó empresario currículos de persoas que, por un lado cumpren o perfil solicitado pola empresa e, polo outro, que están interesados na oferta”.

A concelleira de Formación e Emprego segue a relatar que “tamén se cita ós usuarios que precisan un maior apoio á hora de atopar un posto de traballo, nestas sesións realizanse role playing sobre entrevistas de traballo, ensínanselle diferentes deseños de curriculo, practícanse e recórdanselle habilidades socias que lles axudarán na procura dun emprego ou incúlcanselles métodos e medios a través dos cales poden informarse de ofertas laborais co fin de reducir a dependencia que poidan ter deste servizo. A oficina de emprego municipal tamén está aberta para calquera orientación laboral, tanto para persoas que procuran un emprego, como para os/as que xa están traballando e acoden á oficina de emprego co fin de coñecer, principalmente, os seus dereitos como traballadores (os convenios colectivos, as funcións que lles competen, dúbidas sobre os salarios, vacacións… )”.

Exit mobile version