Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo inviste máis de 35.000 euros na instalación de proteccións peonís

CERVO .- Nos últimos meses o Concello de Cervo esta levando a cabo unha serie de medidas redutoras de velocidade en varias rúas dos distintos núcleos de poboación do municipio por valor de 35.787.000 euros. Entre elas destacan a colocación de bandas redutoras de velocidade en varias rúas do casco urbano de Cervo e tamén nas inmediacións do centro de saúde de San Ciprián.

Segundo indicou o alcalde, Alfonso Villares, todas estas medidas forman parte dunha política preventiva en materia de seguridade viaria e tráfico do Concello de Cervo que se complementará en datas vindeiras coa colocación de máis bandas rugosas noutros puntos de especial perigo para os peóns, así como coa renovación de sinais ou a colocación de espellos panorámicos en cruces de pouca visibilidade nas rúas do casco urbano de Cervo.

Villares lembrou tamén que estas actuacións derivan de diversas demandas veciñais recibidas “e que en moitos casos tivemos que adoptalas dende o Concello a pesares de tratarse de viais que non son da nosa competencia”. Nese senso o rexedor cervense asegurou que estas medidas buscan “antepoñer a integridade dos viandantes nos cascos urbanos do noso municipio e nesa liña seguiremos traballando dende o Goberno municipal”.

Exit mobile version