Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo dará entre 100 e 130 euros en axudas para material escolar

CERVO .- A delegación de Educación do Concello de Cervo dará entre 100 e 130 euros en axudas para a adquisición de libros e material escolar para os alumnos do segundo ciclo de Educación Infantil do municipio. Según explicou Yolanda Pedreira, concelleira de Educación, as bases para a concesión das axudas foron remitidas polo Concello para seren publicadas no Boletín Oficial da Provincia, “e no momento en que estean publicadas xa se poderán formalizar as solicitudes” recalcou Pedreira.

Nota de Prensa

As axudas dependerán das rendas das familias solicitantes e oscilarán entre 100 e 130 euros

O CONCELLO SUBVENCIONARÁ A COMPRA DE MATERIAL ESCOLAR PARA OS ALUMNOS DO SEGUNDO CICLO DE EDUCACIÓN INFANTIL

?    As bases foron xa remitidas dende o Concello para a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia

?    Unha vez publicadas no BOP os beneficiarios terán un mes de prazo para formalizar as súas solicitudes

Cervo, 10 de outubro de 2009.- A concellería de Educación do Concello de Cervo ven de ultimar as bases reguladoras da convocatoria de axudas para a adquisición de libros e material escolar para os alumnos do segundo ciclo de Educación Infantil do municipio.

Segundo indicou Yolanda Pedreira, concelleira de Educación, estas bases foron xa remitidas polo Concello para seren publicadas no Boletín Oficial da Provincia, “e no momento en que estean publicadas xa se poderán formalizar as solicitudes” recalcou Pedreira.

Esta convocatoria ten un orzamento de 8.600 euros procedentes das arcas municipais e ten por obxecto a concesión de axudas a familias para a compra de libros de texto e material escolar de alumnos e alumnas matriculados no segundo ciclo de Educación Infantil nos centros escolares públicos do Concello de Cervo.

Segundo Pedreira, a base desta convocatoria é facer efectivo “o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación” mediante a compensación económica a aquelas familias que polas súas condicións socioeconómicas teñan máis dificultades para afrontar os gastos derivados da adquisición de libros e de material escolar.

Así pois, as axudas poderán ser solicitadas por aquelas unidades familiares empadroadas no municipio que teñan fillos de tres a cinco anos (segundo ciclo de Educación Infantil) e que non superen o 150% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) per cápita. A súa contía será de 130 euros para as rendas das familias cuns ingresos per cápita iguales ou inferiores ao IPREM e de 100 euros para aquelas familias que non superen o 150% do IPREM nos seus ingresos per cápita.

Yolanda Pedreira recordou que esta iniciativa é froito do compromiso electoral adoptado polo equipo de Goberno e confiou en que será ben acollida por parte de toda a comunidade escolar  “xa que supón unha importante aposta pola educación que é unha das bases fundamentais da sociedade” asegurou.

Para formalizar as solicitudes os beneficiarios terán que proporcionar a fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar, a fotocopia do Libro de Familia, a declaración da Renda 2008 de todos os membros computables da familia e a factura de compra dos libros e material escolar dalgún establecemento comercial do municipio.

O Prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto un mes, dende o día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Exit mobile version