CERVO .- O Concello de Cervo acometerá nos vindeiros días a sinalización con paneis informativos da flora e fauna ao longo das rutas de sendeirismo de Rúa ao Pau da Vella e de Rúa a Trasbar; ámbalas dúas pertencentes á rede de vías verdes municipais e que forman parte dos espazos protexidos da Rede Natura 2000.
A mellora destas dúas rutas ten por obxecto fomentar o seu uso entre veciños e visitantes mediante a práctica do sendeirismo e dar a coñecer aos viandantes a diversidade faunística e vexetal da zona, para así incrementar a concienciación ambiental das persoas que as visiten.
En total colocaranse 8 paneis informativos de 75 por 85 centímetros que irán distribuídos ao longo destas dúas rutas. Os paneis, feitos en madeira tratada e polivinilo apto para exteriores, informarán ao longo do percorrido dos puntos de interese da ruta e da flora e fauna máis característica que se pode observar en cada un destes puntos. O custe total desta inversión ascende a 10.000 euros e enmárcase dentro dos Programas de Accións de Concellos incluídos da Rede Natura 2000 para desenvolver actividades para o fomento do uso público respectuoso co medio ambiente.
Segundo indicou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, para poder valorar a importancia das especies do municipio, “primeiro hai que dalas a coñecer”, e por iso, “queremos propiciar a concienciación do respecto ao Medio Ambiente mediante a divulgación da riqueza natural da que dispoñemos”.
Villares lembrou tamén que a práctica do sendeirismo está cada vez máis extendida “e estas dúas rutas non só son visitadas por sendeiristas do concello e da comarca, se non tamén por xente do resto de Galicia e de Asturias, de aí tamén a importancia de dar a coñecer a nosa flora e fauna ás xentes de fora” sinalou.
Con esta actuación, o concello cervense dá continuidade ao proxecto Terras de Azul Cobalto, o cal ten por obxecto a posta en valor do patrimonio histórico, natural e paisaxístico do Concello de Cervo a través dunha serie de de itinerarios didácticos.