Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo anuncia que en decembro haberá unha nova área deportiva e zona verde no polígono de Cuiña

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, avanzou hoxe que as obras da área deportiva e da zona verde que se están a executar preto do polígono industrial de Cuíña estarán rematadas a principios do vindeiro mes de decembro.

As obras consisten no acondicionamento dunha parcela de titularidade municipal na cal, ademais dunha zona deportiva e de esparexemento, tamén se están a construír dúas áreas de aparcamento de vehículos (unha para vehículos lixeiros e outra para pesados).

A nova zona deportiva contará cunha pista de paddle de 20 por 10 metros rematada con pavimento de formigón poroso, cunha estrutura en tubo estrutural rectangular, cerramento en bastidores de malla electro-soldada ríxida e vidro morno. Ademais, farase unha senda peonil de 285 metros de lonxitude e varias zonas verdes que están sendo realizadas mediante a hidrosementeira do terreo.

Aparcamentos

No aparcamento 1, reservado principalmente para vehículos lixeiros, as zonas destinadas a circulación de vehículos e aparcamentos está a ser pavimentada cunha capa de zahorra artificial e unha capa de rodaxe de aglomerado asfáltico en quente. No aparcamento 2, con amplas zonas destinadas ao aparcamento de vehículos pesados, as zonas reservadas para a circulación de vehículos paviméntase mediante o extendido dunha capa de zahorra artificial. Ao igual que na área deportiva, os aparcamentos tamén contarán con zonas verdes, ademais de recollida de augas, pasos salvacunetas e sinalización vertical e horizontal.

Alfonso Villares amosouse satisfeito pola materialización en poucos meses desta nova infraestrutura municipal, a cal, segundo as súas palabras, “virá a ampliar e complementar a extensa oferta deportiva da que dispoñemos no noso concello”. Neste senso lembrou que o Concello de Cervo é “o único concello da Mariña e un dos poucos de Galicia” onde os seus veciños dispoñen de instalacións municipais como piscinas (unha delas olímpicas), pistas de atletismo, campo de fútbol, pavillón de deportes, pistas de tenis, ou pistas de squash, “e agora tamén terán pista de paddle” recalcou.

As obras deron comezo o 7 de agosto e son xestionadas polo Concello. Teñen un orzamento de 177.261 euros procedentes da empresa de xestión urbanística Xestur Lugo e corren a cargo da construtora Obras e Viais Bascuas, S.L.

Exit mobile version