Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo amplía o horario de apertura da piscina municipal

CERVO .- O concelleiro de Deportes, Rubén Fernández, anunciou hoxe que a piscina olímpica municipal de Lieiro contará con novos horarios a partir do vindeiro luns, 2 de novembro.

Esta instalación deportiva estará aberta ao público de xeito ininterrompido dende as nove da mañá ata as dez da noite de luns a venres; mentres que os sábados o seu horario será de dez da mañá a nove da noite, tamén de forma ininterrompida.

Rubén Fernández indicou que estes novos horarios “son froito das suxestións dos usuarios e suporán un esforzo importante para o Concello en materia de persoal” e asegurou que esta medida ten por finalidade fomentar o uso da piscina a un número maior de persoas, así como evitar molestias “e ofertar un servizo máis completo e máis adaptado ás súas necesidades”.

Neste senso indicou que o Concello enviará nos vindeiros días unha carta informativa a socios e ex-socios da piscina municipal co obxecto de que estean informados e “saiban de primeira man” cales serán os novos horarios da instalación.

O responsable da área deportiva do Concello de Cervo avanzou que a modificación de horarios “é a primeira dun paquete de medidas” que ten previsto adoptar o consistorio cervense ao longo dos vindeiros meses para potenciar así piscina municipal de Lieiro e confiou en que o cambio será ben acollido pola poboación interesada na práctica da natación “e tamén entre os que aínda non o son, porque o noso obxectivo é que esta piscina poda ser utilizada por un número cada vez maior de usuarios” dixo Fernández.

Exit mobile version