BARREIROS (FNC) .- Preto de 4.000 persoas visitaron durante tres meses Eido Dourado en Barreiros. Unha cifra que lle merece unha valoración “tremendamente positiva” ao autor deste espazo para a arte, Celso Dourado. O artista barreirense asegura que acudiron a ver esta exposición permanente “xentes procedentes de Grecia, Alemaña, Holanda, Italia, País Vasco, Cataluña, Madrid ou Galicia. Tanto coma as visitas foi moi importante a positividade da xente, é dicir amosábanse sorprendidos por atopar a carón da praia un espazo museístico aberto ao público en xeral. Non houbo un día no que non entraran visitantes e como inicio dunha andaina é moi halagador”.
Celso Dourado, coma autor e promotor deste espazo, sinala que Eido Dourado “é o remate dun inmeso traballo que levei acariciando durante moitísimos anos. O resultado e a proxección foron realmente espectaculares”.
Eido Dourado, que pechou as súas portas o pasado 27 de setembro, será obxecto nas vindeiras semanas de diversas obras de reforma “para documentar todo o espazo axardinado e a partires de aí imos poñer en marcha outro proxecto no que levo bastante tempo que é coa auga para que produza son e movimento. Ao mesmo tempo quero crear novas obras e preparar unha nova exposición de cara á vindeira tempada, coa intención de que o público vexa algo diferente”. Celso Dourado ultima ademáis unhas unidades didácticas destiñadas aos nenos “para achegarlles a arte nunha linguaxe asequible para eles. Temos xa varias peticións de colexios para visitar Eido Dourado, algo que ocorrerá aló polo mes de maio que é tamén cando os centros fan máis saídas”.
O artista de Barreiros tamén estuda estes días as ofertas recibidas ao longo dos últimos meses para expoñer a súa obra noutros puntos de Galicia.