BARREIROS (FNC) .- Barreiros ofrece 14 pisos de amparo municipal para cubrir a demanda de vivendas sociais que ten o concello. O alcalde, Alfonso Fuente, asinou este mediodía un convenio con Copronor que permitirá a aqueles veciños que estean censados en Barreiros adquirir pisos por prezos que irán dos 50.000 ós 80.000 euros.
O rexedor sinalou que “hoxe aquí en Barreiros acabamos de asinar un convenio novedoso na Mariña para poñer a disposición dos veciños vivendas de amparo municipal. O obxecto do convenio é establecer un marco de colaboración entre o Concello e esta promotora inmobiliaria para favorecer que os veciños teñan unhas condicións máis ventaxosas na compra da vivenda”.
Fuente Parga explicou que “esta promotora está a construir a día de hoxe 80 vivendas aquí en Barreiros moi preto das anteriores de protección oficial. Chegamos a un acordo con eles para que rebaixaran os seus prezos e puidesen mercar unha vivenda todos aqueles veciños que estiveran censados no noso concello e interesados na súa compra”.
O alcalde barreirense suliñou que “van ser 14 os pisos máis as prazas de garaxe ós que se poñan á venda ó amparo deste convenio que suporá unha merma no seu prezo duns 12.000 euros. A nós parécenos moi interesante que unha persoa poida optar a estas vivendas con esta reducción. Os prezos dos pisos oscilarán entre os 50.000 e 80.000 euros e cremos que son cifras ás que se pode chegar. A superficie sitúase entre os 33 e os 55 metros cadrados”.
Alfonso Fuente engadiu que “se trata dunha iniciativa para cubrir esa necesidade que quedou despois de adxudicar as 21 vivendas de protección oficial. Decir tamén que son vivendas libres, polo tanto o que a adquira pode vendela cando estime conveniente. Son vivendas que están a piques de rematar, non vai haber que esperar como pasou coas outras que se solicitaron no 2005 e houbo que agardar ata o 2008 a que fosen entregadas. Éstas serán entregadas de inmediato. Toda a xestión da compra, formalización de préstamos e demáis corre a cargo da promotora”.