Site icon Crónica3.com A Mariña

Aproban en comisión unha moción do BNG de Foz que propón medidas para mellorar o financiamento dos concellos

Nota de Prensa

O BNG de Foz propón medidas para mellorar o financiamento dos concellos

A moción foi aprobada por unanimidade nas Comisións Informativas

A crise económica está a supoñer unha forte redución de ingresos por parte das administracións públicas. Nos concellos, esta merma provoca un grave deterioro financeiro, o que sumado ao estrutural raquitismo do financiamento local, provoca tamén situacións próximas á bancarrota en moitos concellos. Polo tanto, compre adoptar medidas, tanto de carácter mais urxente e conxuntural como outras de carácter estrutural de cara a garantir unha estabilidade orzamentaria nos concellos que lles permita prestar de xeito eficaz os servizos que lle son encomendados.

Doutra banda, a Xunta de Galiza ten feito mención a unha redución do capítulo de impostos indirectos e de taxas e prezos, como consecuencia da actual situación de grave crise económica. Dende o BNG consideramos que tal redución non debe afectar aos ingresos que reciben os concellos mediante o Fondo de Cooperación Local, polo que é necesario garantir que este ano os concellos reciban as cantidades previstas a tal efecto.

No mesmo sentido, é prioritario que o Goberno do Estado elabore un Plan que, ante a forte redución de ingresos públicos provocados pola crise, se garanta o gasto corrente aos concellos, e no suposto de liquidacións negativas na Participación de Ingresos do Estado que se aplique unha moratoria.

Por último, con respecto ao modelo de financiamento local, os concellos galegos, que representan aproximadamente o 6,5 % da poboación do Estado español, receben un 5,27% da participación nos ingresos do Estado. Mentres os concellos de Galiza receben 176,54 euros por habitante, a media no conxunto do Estado recebe 221,07 euros. Así, queda patente que o financiamento dos concellos desde o Estado é insuficiente e inxusto: só ten en conta a poboación (75%) e o esforzo fiscal (25%) e non ten en conta que os custos dos servizos en Galiza son máis altos que no resto do Estado pola dispersión poboacional e o avellentamento da poboación. Neste sentido cómpre recordar que Galiza conta coa metade dos núcleos de poboación do Estado: 36.000; e que a dispersión encarece os custos da prestación dos servizos.

Polo tanto, con carácter estrutural, é necesario reformar o financiamento local e incrementar a contía da participación nos ingresos do Estado. Así, demandamos a integración plena da transferencia da participación nos ingresos do Estado nos orzamentos da Xunta de Galiza, e esta transferencia deberá ter en conta o maior custo dos servizos en Galiza, derivado da dispersión dos núcleos e do envellecemento da poboación.

Exit mobile version